Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo inviste 10.000 euros máis en Río Cobo para mellorar a rede de abastecemento e a accesibilidade da zona

Cervo, 5 de xullo de 2018.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Obras, Plácido Pérez, visitaron a urbanización de Río Cobo para supervisar, en compañía do pedáneo da zona, Antonio Gallego, as obras que se están a acometer alí estes días.
O rexedor recordou que os traballos contemplan a renovación e mellora da rede de abastecemento de auga, e están a ser executados cun orzamento de 200.000 euros procedentes dun convenio de colaboración asinado coa Consellería de Medio Ambiente, da Xunta de Galicia.
Villares subliñou que se trata dunha actuación tremendamente importante “coa que garantimos unha presión óptima en todas as vivendas da zona que permitirá que ningunha quede desabastecida en caso dunha eventual fuga”.
O alcalde anunciou así mesmo que desde o Concello de Cervo imos mobilizar 10.000 euros a maiores procedentes de fondos municipais “porque logo destas visitas á zona vimos convinte profundizar nestes traballos, e valoramos cos técnicos ampliar a obra con máis melloras na rede de abastecemento en zonas nas que non se ía actuar inicialmente, e incidindo tamén na accesibilidade das rúas e das vivendas da urbanización”.
Cremos –engadiu- que este é o momento idóneo para facelo “aproveitando que se está a executar unha obra de envergadura que vai no camiño de mellorar infraestruturas que non se ven, pero que contribúen a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”.
Pola súa banda Pérez recordou os detalles técnicos da actuación, consistente na “instalación dunha nova rede de canalización de auga, que ata o de agora contaba cunha estrutura de formigón que dificultaba moito a localización de calquera fuga que se puidese producir”.
Ademais, as canalizacións vanse colocar en aneis pechados, o que garante que ante calquera rotura, ningunha vivenda quede desabastecida de auga; ao tempo que tamén se incide no aspecto sanitario, porque a circulación da auga será continua, garantindo que esta estea sempre en óptimas condicións, evitando estancamentos na rede.
Ademais –engadiu o edil- imos aproveitar para instalar bocas de rego para facilitar a actuación dos servizos de emerxencia ante calquera circunstacia que se poida producir.

Exit mobile version