A concelleira Patricia Otero lembrou que “se coñece co nome de autismo a un trastorno do neuro desenvolvemento, e 1 de cada 150 nenos en idade escolar presenta un trastorno do espectro do autismo, estimándose que en Galicia existen máis de 1.300 casos dos preto de 50.000 que se dan en toda a poboación infantil española. Estas cifras representan só unha pequena porcentaxe da realidade, xa que a elas habería que sumar os pacientes adultos”.
Autismo Galicia é una Federación que engloba ás fundacións de pais, nais, de titores e profesionais, protectoras de persoas con trastornos do espectro do Autismo (TEA) en Galicia.
Os técnicos da Federación de Autismo de Galicia acercáronse ata Burela para colocar os pictogramas en distintos edificios municipais. A edil burelesa explicou que “despois de diversas reunións mantidas decidimos empezar a colocar os pictogramas na Casa do Concello, na Casa da Cultura, en Atención Temperá, nos pavillóns e nos colexios. Estes últimos estarán listos para o inicio do vindeiro curso escolar”.
A concelleira de Servizos Sociais comentou que “un punto forte das persoas con TEA é que asimilan mellor a información se a ven representada por imaxes, polo que é moito máis sinxelo comunicarse con eles valéndose deste medio. O sistema que mellor se adapta as súas necesidades son os pictogramas, que son representacións visuais dunha realidade, que pode ser un obxecto, unha acción, un concepto abstracto e mesmo un elemento gramatical. Estes elementos facilitadores conxúganse formando frases con sentido que superan a barreira da linguaxe, xa que son independentes dunha lingua en particular e requiren un menor nivel de abstracción para seren comprendidos”.
Patricia Otero engadiu que “dende a Concellería de Servizos Sociais poremos todo o que estea nas nosas mans e traballaremos para mellorar as condicións de vida das persoas con TEA e as súas familias”.