Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde ribadense pídelle ao novo Ministro de Fomento que proceda a iluminar a ponte dos Santos

Ribadeo, 3 de xullo de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, ven de dirixirse ao novo ministro de Fomento, José Luis Ávalos, para que proceda a iluminar a Ponte dos Santos. O rexedor alega cuestións de seguridade, de dignidade e de sentido común, e alude ao baixo impacto económico que esa actuación suporía para ese departamento. Suárez Barcia agarda que o novo goberno non teña castigadas por un capricho a dúas vilas como Castropol e Ribadeo.
O alcalde explicou que “nesta xusta batalla que estamos librando desde hai varios anos tanto o Concello de Ribadeo como o de Castropol, desde o Concello de Ribadeo, e espero que o alcalde de Castropol faga o mesmo tamén, vimos de dirixirnos ao novo ministro de Fomento, que está neste cargo desde hai poucos días, para explicarlle esta situación arbitraria, caprichosa e de mala fe que levamos, desde hai varios anos, por mor dos responsables anteriores do Ministerio de Fomento no que ten que ver co alumeado da Ponte dos Santos”.
Fernando Suárez lembrou que “isto xa trae cola desde hai varios anos, e simplemente estamos explicándolle que os Concellos non podemos asumir custes de infraestruturas que non son da nosa titularidade, agás que se delegue expresamente esta competencia e que veña acompañada do correspondente financiamento, cousa que nunca tivo lugar”.
O rexedor subliñou que “o que queremos é concienciar ao novo ministro de que o alumeado da Ponte dos Santos é útil e necesario para os peóns, para os ciclistas, sobre todo para os peregrinos que cada vez veñen en maior número, e para os veciños dunha e outra banda da ría de Ribadeo, xa que nin o ancho da beiravía, son aproximadamente 80 cms, está adaptado a ningunha norma legal nin tampouco á disposición das reixas cumpre medida legal algunha”.
Suárez Barcia engadiu que “lle explicamos tamén os acordos unánimes que adoptamos os dous concellos xa no ano 2015 para que rematara esta situación, e pedímoslle que poña sentidiño a esta incuria, por alcumalo dalgunha maneira, dos anteriores mandatarios porque consideramos de imperiosa necesidade a iluminación da Ponte dos Santos por seguridade, por dignidade e por sentido común. Tamén facemos fincapé no baixo impacto económico que esta actuación lle supón ao Ministerio de Fomento, e deste xeito non ter castigados, por un capricho político, a dúas vilas como Ribadeo e Castropol”.
O rexedor confía en que “desta vez vaia e que tomen boa nota dos argumentos legais e técnicos que lles estamos expoñendo”.
Fernando Suárez envioulle unha carta ao novo titular de Fomento explicándolle toda esta situación.

Exit mobile version