Burela, 4 de xullo de 2018. As fortes choivas caídas o pasado domingo causaron estragos na zona portuaria de Burela e o alcalde, Alfredo Llano, quixo facer hoxe unha chamada á cidadanía para que non tire nos baños as toalliñas hixiénicas, xa que ocasionan auténticos tapóns nas canalizacións da rede de saneamento.
O rexedor lembrou que “o domingo, como noutros lugares da Mariña, no noso concello choveu moitisimo en pouco tempo. En Burela converxe toda a auga nun punto que é o porto, e as canalizacións satúranse inmediatamente e fixo algún estrago na zona portuaria. Nalgún sitio máis, pero onde máis importante foron foi na zona portuaria, xa que se satura a EDAR e as canalizacións que van á EDAR e ao mar directamente cando son pluviais. E isto produciu que se estropeara o asfaltado e que se levantaran sumidoiros na zona portuaria, polo tanto é unha preocupación”.
O alcalde dixo que “é certo que consideramos que cando estea rematada a nova EDAR se solucionará o problema, ou polo menos que se minimice. Nosoutros agora puxemos unha nova trituradora na EDAR que temos, que axuda moito, pero dado a intensidade da choiva era case imposible que as trituradoras fixeran algo, de feito saltaron as tapas nesa instalación”.
Llano salientou que “hai unha circunstancia que quero resaltar porque chama a atención. Sempre que existe unha rotura, unha inundación ou algo que estrague os sumidoiros de residuais, sempre aparece o mesmo causante, que son esta infinidade de toalliñas que se ven e aparecen cunha densidade extraordinaria. Estas toalliñas teñen as características de que non se disolven, non se rompen nin se desfán e o que ocorre é que se entremezclan entre elas, e cando cae moita auga taponan as canalizacións e fan que rebenten cara ao exterior, e aí aparecen milleiros de toalliñas hixiénicas”.
O rexedor quere “sensibilizar á xente de Burela, de toda a comarca e en xeral, de que as toalliñas non son para tirar polo inodoro. Sensibilizar neste senso porque se todos queremos que non afecte ao medio ambiente e non haxa estragos temos que procurar colaborar entre todos. Eu chamo a atención sobre isto porque sei que hai sitios que xa prohibiron a utilización de toalliñas porque crean uns problemas extraordinarios. Non é que as toalliñas soas provoquen problemas cando chove tanto, pero si facilitan que ocorran estas barbaridades cando cae tanta auga”.