Alfredo Llano comentou que “izamos as bandeiras azuis e tamén as da normativa 14.001. Xa queríamos facelo a semana pasada, pero debido á grande cantidade de choiva que veu non caía moi ben levantar as bandeiras azuis cando estaba chovendo”.
O alcalde salientou que “estes galardóns veñen indicar que no Concello de Burela estamos facendo as cousas moi ben no aspecto de coidar as praias, de preparalas e telas sempre na situación para que se manteñan as nosas bandeiras azuis. Tamén é indicativo de que a xente coida o entorno para que isto sexa unha realidade ano tras ano”.
Llano lembrou que “este ano déronnos tres bandeiras azuis para A Marosa, Ril e O Portelo-Cabaliño. Están contrastadas na calidade de auga e tamén nos van servir para indicar claramente que hai seguridade, limpeza e servizos. Isto tamén está complementado coa 14.001, que é un indicativo claro de que por un lado se pode contar cunha auga transparente e boa para o baño, con todas as cualidades perfectas e a calidade extraordinaria, e por outro lado o tema de seguridade cos socorristas”.
O rexedor dixo que “agora mesmo en Burela estamos con cinco socorristas xa fixos e imos ter dous máis inmediatamente, estamos co proceso. De momento en Ril non hai socorristas, pero vai habelos para próximas semanas. Isto é favorable para que a xente veña con confianza ao noso concello, disfrute dos areais e que vexa Burela como unha alternativa boa para pasar uns días, estar aquí con nós e disfrutar de todo aquilo que nosoutros poidamos ofrecerlles”.
Alfredo Llano engadiu que “ademais das tres bandeiras que corresponden ás praias, tamén temos outras tres que son moi importantes para nós. Unha delas é a de Gaia, que é a aula de medio ambiente onde se está realizando unha boa ensinanza e unhas boas prácticas para manter un bo nivel medioambiental nos nosos arenais. Despois está a ruta verde do litoral que cruza o noso concello, e que tamén é merecedora dunha bandeira azul. E temos algo que para min é moi importante, que é bandeira do barco museo Reina do Carme. Cando fomos recoller as bandeiras azuis este ano dixeron que en toda España soamente se daba a cinco barcos este galardón, un deles é o noso barco porque é o único museo que está flotando. Ten unha importancia e unha singularidade no noso porto extraordinaria. Esa bandeira azul que corresponde ao barco museo imos izala o próximo 4 de agosto, coincidindo coa feira do bonito”.
O alcalde manifestou que “hai que dicir que de toda España ser o único barco museo que hai é moi representativo e é unha influencia clarísima para favorecer o turismo na Mariña, e sobre todo no noso concello. Hai moito visitante a este barco museo e imos tratar de mantelo en bo servizo durante moito tempo”.
No izado das bandeiras azuis estiveron xunto a Alfredo Llano varios edís do Concello burelés.