Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres arranca a celebración do V Ribadeo Indiano. Segundo os datos que manexa Acisa a ocupación hoteleira roldará o 100% estes días

Ribadeo, 6 de xullo de 2018. Todo está listo na vila para a celebración do V Ribadeo Indiano, que organizan o Concello e Acisa e que da comezo esta tarde a partires das 18:00 horas. A ocupación hoteleira roldará estes días o 100%. Trátase dunha fin de semana moi importante para o comercio e a hostalería local, segundo subliñou hoxe o presidente de Acisa, Francisco Iriarte.
Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos o seu presidente dixo que “estamos diante dunha das fins de semana máis importantes do ano para Ribadeo, para o seu comercio e para a súa hostalería. Polos datos que barallamos tanto hoxe coma mañá a ocupación nos hoteis estará próxima ao 100% e as casas de comidas teñen centos de reservas para as comidas e as ceas destes días. Hai que pensar que a facturación de moitos locais estes días supón o 25% da total de todo o ano”.
Iriarte considera que “si o ano pasado foron 40.000 persoas as que pasaron polo Ribadeo Indiano este ano pensamos que esa cifra medrará. Esta é unha festa para toda a familia, para os nenos e nenas, para os pais, para os avós… todo o mundo se caracteriza e se implica. É unha festa que se vive na rúa desde esta tarde ata o vindeiro domingo”.
O presidente de Acisa agarda que “o tempo nos acompañe ao igual que o fixo nas edicións anteriores e que todos disfrutemos desta festa indiana coa que, non debemos esquecernos, rendemos homenaxe a aqueles ribadenses que un día deixaron esta terra e marcharon para América co obxectivo de atopar un traballo e un futuro mellor que o que quedaba atrás”.

Exit mobile version