A axenda abrirá precisamente mañá, venres 6, a primeira das propostas. O artista fonsagradino fará parada en Castro de Rei e poderase gozar do seu novo espectáculo na Casa da Cultura de Castro de Ribeira de Lea, ás 20:30 horas. A actividade combina música, danza e teatro e que está pensada para familias con nenas e nenos de entre sete e doce anos. ‘A casa do terror’, presenta a historia dun grupo de amigos que se ve obrigado a durmir nun edificio encantado.
O sábado, Os Bolechas sumaranse ás propostas de lecer do ‘FalaRedes’ por partida dobre: a primeira parada do día será en Baiona, na Biblioteca Pública Municipal, ás 12:30 horas; e a segunda en Vilaboa, na Casa da Cultura de Riomaior, ás 20:00 horas. Xa o domingo, ofrecerán unha función matinal en Barreiros (no Centro Sociocultural Díaz Sampedro, ás 12:30 horas) e outra de tarde en Mondoñedo (na Casa da Xuventude, ás 20:00 horas). A peza Os Bolechas e o amigo Monte está pensada para concienciar as familias da necesidade de preservar os nosos montes a través dunha proposta que combina lingua, ecoloxía, lecer e a participación do público asistente.
As vindeiras paradas do ‘FalaRedes’, na vindeira semana, serán os concellos de Cangas e Chantada, con funcións da actividade Os Bolechas e o amigo Monte en cadanseu auditorio municipal, o sábado ás 20:00 horas e o domingo ás 19:30 horas, respectivamente. Coma sempre no FalaRedes, a entrada aos espectáculos é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.