Historicamente,a dinastía borbónica caracterizouse sempre polo seu intervencionismo nos asuntos políticos, polo “borboneo”.Fernando VII voltou impór o absolutismo nas súas reaccións de 1814 e 1820. O seu neto, Alfonso XII, recuperou o trono da súa nai pola forza bruta do golpe de estado do xeneral Martínez Campos (1874). O bisavó do Rei actual, Afonso XIII, apoiou os golpes de estado de 1923, do xeneral Primo de Rivera(que lle habería custar a Coroa) e, xa no exilio, o do ditador Franco no 1936.
No caso de Felipe VI a abdicación do seu pai baseouse nun pacto do bipartidismo dinàstico PP-PSOE que permitira manter un “status quo” en risco pola recesión económica e máis polo dano reputacional sofrido polos seus pai, irmá e cuñado. Mais axiña constatamos a falla de pulo real por alargar a base social da Monarquía, corrixir os graves erros da transición ou tentar reformas sociais e territoriais precisas. Pola contra, Felipe VI tense ancorado en concepcións inmobilistas no político e pouco críticas das inxustizas sociais xurdidas da Grande Recesión.
Canto á cuestión catalá, foi Felipe VI quen decidiu ser rei de parte e porse á fronte dos que pedían a suspensión da autogoberno catalán e medidas penais contra os líderes soberanistas, no canto de explorar as marxes do seu mandato constitucional como árbitro e moderador para garantir unha solución negociada.
Polo medio Felipe VI continuou o seu rol de relacións públicas das grandes empresas españolas, que desfrutan de todo o apoio exterior que se lle nega á internacionalización das nosas pequenas e medianas empresas.
Para máis, falta nel e na súa contorna a –relativa-empatía do seu pai. Semella,pois, que a mensaxe a transmitiren é que a Coroa está cómoda facendo de chave de bóveda dun sistema de parte que xa non só refuga aos que acreditan nun Estado plurinacional, senón tamén aos que denuncian os recurtes de liberdades, os oligopolios enerxéticos, concesionais e bancarios ou a falla de sensibilidade social.