Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financia con 500.000 euros as obras de renovación integral de infraestruturas e servizos de varias rúas do núcleo urbano de Cervo

Cervo, 3 de xullo de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio financiará na súa totalidade as obras de renovación integral de servizos e infraestruturas en varias rúas do núcleo urbano de Cervo, en concreto a área comprendida entre a rúa Calabadexo, rúa da Aldea e Xosé Álvarez, achegando un investimento de preto de medio millón de euros (499.550 euros en concreto).

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata o lugar e subliñou que a intervención “modernizará as dotacións básicas para os veciños e veciñas e mellorará notablemente a estética da zona”. Estivo acompañado polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

As actuacións consistirán na renovación das redes de abastecemento e saneamento, o soterramento das redes de iluminación pública, subministro eléctrico e telefonía, a renovación da calzada e a instalación de novo mobiliario urbano.

Isto permitirá, entre outras melloras, dotar de hidratantes e bocas de rego ás rúas e independizar as redes de sumidoiros de augas pluviais e residuais, evitando que as primeiras discorran ata a depuradora e aumentando, por elo, o rendemento do sistema.

Pola súa banda, a canalización soterrada do cableado evitará o impacto visual que provocan as liñas de distintos servizos que actualmente cruzan as rúas, fachadas e fincas. A esta mellora estética contribuirá tamén a renovación da pavimentación da cazada, creando espazos diferenciados para os peóns e para o tráfico rodado.

Balseiro sinalou que este investimento responde a un programa de axudas da Consellería que pretende fomentar un adecuado desenvolvemento urbanístico das vilas, con actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

A Xunta asume o 100 por cento do orzamento das obras nos municipios de menos de 5.000 habitantes.

Exit mobile version