Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ofrece en Muras a primeira xornada informativa sobre medidas de aproveitamento sostible na Serra do Xistral

Lugo, 5 de xullo de 2018. A Escola Unitaria do Viveiró, en Muras, acollerá este sábado a primeira xornada formativa sobre os Servizos ecosistémicos da Serra do Xistral. Novas posibilidades de uso e conservación, actividade integrada dentro do proxecto europeo Life in Common Land de aproveitamento sostible na Serra do Xistral. Será unha xornada que se celebra en horario de mañá e tarde, dende as 11:00 horas ata as 14:00 horas, nas que haberá unha viaxe por este espazo natural e, de 16:00 a 20:00 horas, presentarase o proxecto aos asistentes e haberá conferencias sobre produción de mel ou turismo e natureza.

Trátase dunha iniciativa que promove a Deputación, coa colaboración da USC e da UDC, para demostrar que é compatible o desenvolvemento socioeconómico e sostible de zonas rurais de especial protección, que contan con restricións lexislativas en canto ao seu emprego, aproveitamento ou coidado. O proxecto conta tamén coa participación directa dos propietarios das Comunidades de Montes Veciñais en man común na Serra do Xistral.

É un novidoso programa, dotado de 2 millóns de euros dos que a Deputación achega 212.000 euros, a USC, 198.000 euros; a UdC, 100.000 da UDC, e a Unión Europea 1,4; que contempla que serán os usuarios e propietarios os encargados de executar estas medidas que, de acadaren os obxectivos fixados, recibirán compensacións económicas, facendo que Deputación, USC e UCD se convertan nas primeiras administracións en España que premien economicamente o desenvolvemento sostible. Trátase dun modelo que xa se aplica noutros países europeo, como por exemplo Francia, para combater o despoboamento demográfico e conversar o medio ambiente. Life in Commom Land ten un duración de 5 anos.

As zonas de especial protección, como a Serra do Xistral, que é Rede Natura 2000, contemplan certas limitacións de uso e aproveitamento do territorio, que veñen impostas pola normativa vixente. Desde a Deputación, decidiuse elaborar este pioneiro proxecto para ofrecer solucións a estas limitacións, para garantir a vida no rural e do rural, co fin de que que redunde na mellora de produción gandeira e forestal, así como na conservación rural, dotándoo de oportunidades.

Durante 5 anos, ata 2022, irase implantando nun espazo de 5.000 hectáreas, que abranguen os concellos de Abadín, Muras, O Valadouro, Ourol e Viveiro, medidas encamiñadas a cumprir os seguintes obxectivos: Mellorar a produción gandeira e forestal a través da implantación de modelos de aproveitamento baseados nas experiencias dos usuarios dos montes; axilizar trámites e aspectos administrativos logo de ter establecidos novos esquemas produtivos; conservar o rural e dotalo de oportunidades.

Exit mobile version