Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Política Social destinou 326.000 euros no último ano a axudar a máis de 300 familias lucenses a pagar os custos da escola infantil

Lugo, 4 de xullo de 2018.- A Consellería de Política Social destinou no último ano 326.100 euros a abonar as axudas do Bono Concilia na provincia de Lugo, unha axuda destinada a financiar prazas de 0 a 3 anos en escolas infantís.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Xunta abre hoxe o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro da nova convocatoria desta axuda, que no último ano percibiron máis de 300 familias da provincia.

En concreto, no período entre maio do 2017 e maio do 2018 recibiron esta achega unha media de 280 familias lucenses cada mes. O pico máis alto de usuarios rexistrouse en abril, con 335 familias beneficiarias -todas, salvo unha, mantiveron a matrícula en maio-, e o máis baixo o pasado mes de xullo, con 193.

O bono abónase directamente e de xeito mensual ás familias que así o solicitan e que ou ben residen nun concello onde non existen centros sostidos con fondos públicos ou non obtiveron praza nas escolas infantís da rede autonómica ou dependentes dos concellos. É compatible con outras axudas destinadas tamén a pagar a escola infantil, sempre que non se supere o custo da praza.

Balseiro afirmou que a presente convocatoria está dotada cun crédito inicial de 3.489.200 euros, que se incrementará, se é preciso, para atender todas as solicitudes ao igual que aconteceu no presente curso -partiuse da mesma cantidade e finalmente ampliouse ata superar os 4,2 millóns de euros-.

O obxectivo, indicou o delegado, “é que os pais e nais cuxos fillos ou fillas queden en lista de espera nos centros sostidos con fondos públicos conten cunha subvención para sufragar o custo da escola infantil que consideren oportuno”.

Ademais, esta edición recolle como novidade o dereito a cursar a petición fóra de prazo ordinario das mulleres vítimas da violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís de 0 a 3 anos que reciban achegas públicas.

Cómpre lembrar que, do mesmo xeito que o ano pasado, a orde destas axudas para o vindeiro curso 2018-2019 contempla a posibilidade de conceder o Bono Concilia a nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo que superen a idade máxima regulamentaria e teñan concedida a flexibilización da duración do período de escolarización. Así mesmo, mantense que nos supostos de admisión de solicitudes fóra de prazo se abra a todas as familias nas que se produza un nacemento, acollemento ou adopción do neno ou nena con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

A contía da axuda que se percibirá por cada praza de xornada completa oscila entre os 45 euros mensuais para as rendas máis altas e os 250 euros para as rendas máis baixas, con comedor incluído. A media xornada oscila entre os 22,50 e os 125 euros.

Exit mobile version