Cervo, 28 de xuño de 2018.- O Concello de Cervo, a través da delegación de Xuventude que dirixe Dolores García Caramés, programa unha nova edición das iniciativas Deseñando o teu futuro e Cervo a carón do voluntariado.
Caramés presentoulle ao alumnado do IES Marqués de Sargadelos os programas que xa se desenvolveron con éxito o pasado verán.
Deseñando o teu futuro está dirixido a rapaces de entre 14 e 18 anos, que poderán realizar estadías becadas en empresas do municipio e coñecer a realidade socio-laboral e empresarial da contorna. Ademais, realizarán unha visita guiada a unha empresa innovadora e asistirán a diferentes obradoiros de intelixencia emocional e de técnicas de procura de emprego e motivación empresarial. As persoas participantes recibirán unha retribución de 6 euros ao día. O prazo para anotarse remata o 17 de xullo. É unha proxecto financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Pola súa banda, Cervo a carón do voluntariado está dirixido a rapaces de entre 16 e 30 anos. Os inscritos poderán colaborar nas diferentes actividades que se programan dende o Concello como os Enredos de Verán, as Noites Alternativas, ou unha actividade de achegamento á biblioteca, coa que se pretende a organización dun grupo estable de voluntariado que colaborará na consolidación de grupos de lectura e na planificación de novas actividades culturais na tempada estival, para ocupar o tempo de lecer dos nosos maiores; entre outras iniciativas. O proxecto de Acción Voluntaria abrangue ata o 1 de outubro, e cada voluntario colaborará nos programas un máximo de 60 xornadas de 6 horas diarias.
As inscricións son de balde e as prazas son limitadas.