Burela 27-6-18. A Asociación Burela Castrexa, que desde este ano toma o relevo de Acia Burela na organización da Festa Castrexa de Burela, ven de presentar no Concello de Burela o programa completo de actividades desta sétima edición, que se celebrará en Burela entre o 6 e 7 de xullo.
Unha das principais novidades deste ano consiste en converter a Praza da Mariña nun Pobo Castrexo, coa recreación vivinte dun castro con personaxes e traballos reais da época, talleres artesanais, exposicións de pieis, armas e tamén cunha zona de xogos infantís.
O castro vivinte será un dos maiores reclamos para os visitantes, xunto co Desfile de Clans, que na noite do venres percorrerá as rúas de Burela desde a zona da gasolinera ata a Praza do Concello. Este ano auméntase o número de premios para as mellores caracterizacións no desfile, con categorías para clans maiores de 6 integrantes, para grupos de menos de 6 e mesmo para parellas ou infantil. Os premios, ben en metálico ou en regalos, serán doados por diferentes empresas de Burela, como Contraste, Restaurante Sargo, Óptica Afflelou, Hotel Galatea ou Xogando nas Nubes.
Unha vez finalizado o desfile terá lugar na Praza do Concello outra das grandes novidades desta edición: o teatro castrexo, coa recreación teatral dun episodio do pasado castrexo de Burela, protagonizado polos propios membros dos clans e dirixida polo Grupo de Teatro “O Torques” de Burela.
E para finalizar a xornada do venres repetirase a Cea de Irmandade entre clans como o pasado ano, que compartirán mesa na Praza do Concello coas súas propias viandas. A comida estará ambientada pola música de Dambara e despois haberá festa amenizada por unha discoteca móbil.
Os Xantares Castrexos son a outra gran novidade deste ano, coa intención de que a comida e cea do sábado se celebren tamén en conxunto na Praza do Concello, misturando clans organizados con calquera outra persoa que queira participar. A organización ofrece menús castrexos a prezos populares que recomendan reservar previamente para evitar fin de existencias no mesmo día da festa. Con varios primeiros a escoller, o prato principal será paella para xantar e churrasco para cear. O paquete de comida e cea pode reservarse ao prezo especial de 20 euros, mentres que cada comida por separado serían 12 euros. A mesma comida terá prezos máis elevados se se colle o mesmo sábado da festa, co risco de que xa se agote o aforo da Praza do Concello. As reservas fanse en Óptica Afflelou de Burela. Anque o prazo para reserva de comidas terminaba este mércores, ante a grande demanda de solicitudes a organización alargou o prazo ata o próximo luns 25.
O resto de actividades do sábado mantén a mesma liña dos últimos anos, con Xogos Castrexos na praia pola mañá, separando categorías de adultos e infantil; e a Busca do Torques pola tarde na Praza do Concello, que esta vez inclúe tamén unha versión paralela infantil. Ao igual que no desfile, os premios en metálico dos xogos serán doados por diferentes empresas de Burela, como A Parrillada de Jandro, Noel López Pinín Centro de Bienestar ou D’Tallas. Coma sempre, os clans que queiran optar a premios no desfile ou participar nos xogos deben inscribirse previamente en Óptica Afflelou.
Durante a Sesión Vermú, que terá lugar o sábado na Praza do Concello antes dos Xantares Castrexos, celebraranse os dous sorteos presenciais de 500 e 1000 euros, respectivamente. Por un lado sortéanse os 500 euros en metálico do Tapeo Castrexo, no que participarán tódalas persoas que completaran a tarxeta do tapeo nas fins de semana do 15-17 de xuño e este próximo do venres 29 ao domingo 1 de xullo. Para participar hai que depositar a papeleta cos datos persoais na urna do sorteo que estará visible na Praza.
E por outro lado celebrarase o sorteo de 1000 euros en vales de compra nos comercios colaboradores e patrocinadores da festa. Para participar hai que traer as papeletas repartidas coas compras en Burela nas últimas semanas e depositalas na urna do sorteo.
Durante a noite do sábado celébrase o fin de festa coa actuación da Orquesta Revolution na Praza do Concello.