Site icon Crónica3.com A Mariña

O XI Torneo de fútbol sala feminino Vila de Ribadeo disputarase os días 30 de xuño e 1 de xullo. Serán 24 equipos os participantes e 36 os partidos que se xogarán durante estas dúas xornadas

Ribadeo, 28 de xuño de 2018. A vila ribadense acollerá os días 30 de xuño e 1 de xullo o XI Torneo de Fútbol Sala Feminino Vila de Ribadeo, que disputarán 24 equipos procedentes de Galicia, Navarra e Cantabria nas categorías alevín, infantil, cadete e senior. O evento foi presentado esta tarde no salón de plenos do Concello. No acto participaron o concelleiro de Deportes, David Rivas; Víctor Pérez Quintana, do Ribadeo FC, club organizador; e Carmen Cruzado, de Acisa.
Pérez Quintana explicou que “participan 24 equipos, 14 en sénior e 10 en categorías base, e veñen de Navarra, Santander e das catro provincias galegas, polo que en total serán unhas 250 xogadoras aproximadamente. Ademais as xogadoras dos equipos das categorías de menor idade veñen acompañadas polos pais. O torneo xógase nos dous pavillóns polideportivos desde as 10 da mañá do sábado ata as 3 da madrugada do domingo e desde as 10 da mañá do domingo ata as 21 horas. Disputaranse en total 36 partidos”.
O edil de Deportes sinalou que “un ano máis estamos ás portas dun dos torneos que consideramos máis necesarios dos que se celebran no noso concello porque visibiliza e promociona o papel das nenas e das mulleres nun deporte que historicamente sempre estivo ligado ao xénero masculino. A actual directiva do Ribadeo FC, ao igual que o Concello de Ribadeo, ten as cousas moi claras nese sentido e xa o ven demostrando durante estes últimos tempos coa creación do equipo feminino de fútbol campo ou coa celebración deste torneo de fútbol sala feminino xa o ano pasado. Así que o noso recoñecemento á directiva do Ribadeo FC e, por suposto, animámolos a seguir traballando nesa dirección, que a nosa tamén”.
Rivas manifestou: “queremos aproveitar desde o Concello para dar a benvida ás máis de 200 deportistas dos 24 equipos de toda Galicia e do norte cantábrico que pasarán esta fin de semana en Ribadeo e queremos recordar tamén que se é importante organizar este tipo de eventos tan importante é darlles respaldo. Entón eu quero chamar a toda esa xente que guste deste deporte á que se achegue tanto na xornada do sábado como na do domingo a calquera dos dous pavillóns, o da rúa Alfredo Deaño e o da avenida de Luarca, para gozar dun moi bo nivel de fútbol sala feminino, como ven acontecendo nestes últimos anos”.
Carmen Cruzado, membro da xunta directiva de Acisa, dixo: “cremos que temos que estar a carón de quen potencia os valores do deporte, como a disciplina, o esforzo, o traballo en equipo… e temos que apoiar, na medida das nosas posibilidades, os deportes chamados minoritario, como é o caso do fútbol sala feminino. Sabemos que hai canteira en Ribadeo e animámolas a seguir loitando e traballando”.
E engadiu que “todo torneo implica a chegada de xente a Ribadeo e iso repercute na hostalería local, de aí que consideremos importante a organización deste tipo de eventos, que tamén serven para dar a coñecer o noso pobo”.

Exit mobile version