Lourenzá 27-6-18. A minería pode ser sustentable, mais polo xeral non o é en Galicia. Non o é polo deslexo das administracións, que permiten o reiterado incumprimento das Leis, dos regulamentos, dos plans de explotación, dos plans de restauración, dos plans de traballo, das normas municipais, das resolucións administrativas e mesmo, xa no derradeiro termo, dos precintos das explotacións.
O caso da Louseira de Veira do Río é paradigmático. Tras case 15 anos funcionando ó marxe das disposicións tiveron que ser as afectadas quen se moveran para pedir que se cumprira cando menos o pagamento do expropiado. Nin iso. Débedas coas persoas traballadoras, incumprimento absoluto dos termos da declaración de impacto, sancións que se compensan con subvencións polo dobre do seu importe, pistas de titularidade municipal desaparecidas… e a Xunta? e o Concello? Mediando entre os infractores e as súas vítimas?
O que se pide: que se cumpra a Lei. Nin máis nin menos. Entre outras cousas, que as terras agrarias poidan volver a selo tralo aproveitamento dos recursos mineiros. Unha década de explotación non pode compensar a perda de séculos de aproveitamento agrícola e gandeiro.
O SLG achegarase este sábado ás 12 á Praza do Concello de Mondoñedo, á concentración das afectadas polas louseiras, e convidamos a toda a afiliación e á veciñanza da Mariña a achegarse e difundir a convocatoria.