Lugo, 11 de Xuño de 2018.- O Secretario Xeral do PSOE no Concello de Ribadeo, Cesar Fernández Murias, criticou este luns que o Alcalde deste municipio da Mariña Lucense investise 9.000 euros na contratación dun helicóptero co que controlar a franxa de protección nos montes, xa que “hai persoal suficiente que traballa no propio Concello que se poderían encargar de facer esta revisión, sen ter que gastar 9.000 euros nun helicóptero”, destacou.
“Dende o PSOE de Ribadeo estamos totalmente de acordo sobre a necesidade de que os montes do Concello cumpran a Lei de Incendios de Galicia, pero consideramos que se trata dun gasto excesivo, sobre todo sabendo o grande número de persoal do que dispón o Concello”, destacou.
Neste senso, o secretario PSOE no Concello de Ribadeo instou tamén a que a Xunta de Galicia, que é a administración coas competencias directas na materia, “se encargue de asumir esta labor de control, e polo tanto, asumir os custos derivados de todas e cantas inspeccións fosen necesarias, co fin de conseguir que non haxa lumes no noso Concello e, no caso de que os houbese, non puxesen en risco aos nosos veciños e veciñas”.