Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo denuncia o estado de abandono no que se atopa o parque infantil de Rinlo, que é un perigo para os nen@s. Di que é un exemplo máis da desidia do equipo de goberno municipal

Ribadeo, 27 de xuño de 2018. O Partido Popular de Ribadeo denuncia o mal estado no que se atopa o parque infantil de Rinlo, “nunhas condicións lamentables porque o peche de madeira está roto, o que supón un perigo para os nenos e nenas. Ademais a zona verde está sen segar”. Para o portavoz do PP ribadense, Jesús López Penabad, “isto é un exemplo máis da desidia e abandono coas que actúa este equipo de goberno”.
López Penabad manifesta que “o parque infantil que hai en Rinlo, preto da plazoleta, está nunhas condicións absolutamente lamentables. Ademais da vexetación sen limpar, sen cortar nin desbrozar, e os alcorques das árbores con herba bastante alta, hai un cerramento de madeira que está totalmente estragado, roto por partes, o que supón perigo para os nenos e nenas porque hai astillas soltas. É lamentable o deixamento”.
O voceiro do PP lembra que “o alcalde anunciaba hai pouco que, de fondos propios, ía investir 255.000 euros para arranxar pistas, pois dese diñeiro podería adiantar uns cantos euros para facer un arranxo de urxencia, como xa repetimos varias veces, nesa estrada da costa que vai por Rinlo, que pasa por diante do cámping, que segue sen arranxar e na que seguen unhas fochancas que a fan totalmente intransitable. Parécenos moi ben que arranxen as estradas integramente, pero cando están na situación que están, por mantemento e para poder transitar por elas, deben polo menos tapar as fochancas. Xa que hai fondos propios que menos que utilizalos e subsanar as deficiencias”.
O portavoz popular no Concello de Ribadeo engade que “na rúa San Roque, que dixemos que a ver se está en boas condicións para celebrar o Ribadeo Indiano, estes días estase vendo que están traballando arreo, polo día e pola noite incluso. Isto é debido á mala planificación do goberno municipal porque non é normal ter a esta xente, estes días moitos máis, traballando de noite, espero que lles paguen as horas extras, e ademais ocasionan molestias aos veciños de noite, que non é o mesmo que de día. E as obras na rúa San Roque obrígannos a circular por unhas vías alternativas para chegar ao centro de Ribadeo e á avenida Rosalía de Castro. Hai que pasar por lugares como a rotonda dos Galos ou a antiga estación vella por un camiño que está unha situación lamentable. E a rotonda dos Galos, preto da autovía, é máis que lamentable como está. A unión da estrada coa rotonda é unha auténtica fochanca. ¿Non haberá uns euros para poder tapar esas fochancas nunha vía obrigatoria para poder entrar en Rosalía de Castro agora mesmo, xa que San Roque está como está?”.
Jesús López Penabad declara tamén que “vemos numerosas deficiencias en diferentes puntos do municipio e eu non sei se é por pasotismo ou deixadez, porque non o podemos achacar á falta de fondos cando están anunciando que hai máis de 250.000 euros de fondos propios para arranxo de vías. Polo tanto o que pedimos é uns poucos deses euros para tapar fochancas, para poder facer un Ribadeo transitable en vías necesarias para poder moverse pola vía. Son outros exemplos máis desta desidia ou falta de andar por Ribadeo dos gobernantes locais, porque só fai falla dar unha volta para atoparse con todo isto. Hai moitos casos máis, como preto do instituto, onde houbo unha fuga moi grande hai unhas semanas e deixaron ese lugar cheo de terra e nunha situación bastante calamitosa. Vaias por onde vaias atopas destas cousas. As grandes obras hai que facelas, pero o día o día, o necesario para poder transitar, tamén é moi importante e é o que non fai este equipo de goberno”.

Exit mobile version