No acto, que tivo lugar na tarde de onte na Casa da Cultura focense, catro alumnas do IES que participaron neste documental presentárono e explicaron o seu proceso: “moitas grazas por vir aquí a todos, porque é moita xente a que está aquí. Nós somos unhas das entrevistadoras, porque Naila, Paola e Lucía tamén participaron neste proxecto. Ímosvos contar cousas que non aparecen no documental e que ocorreron detrás das cámaras. Quero deixar claro que este documental é unha reportaxe organizada polo equipo de dinamización lingüística e que está dentro dunha actividade que se chama A nosa historia facémola nós. Participaron profesores como Montse, Suso, Fefi, Roi e Alberto, que non é profesor pero tamén colaborou. O obxectivo deste documental é non só motivar o idioma galego senón tamén coñecer historias de persoas do pobo de diversos oficios e idades. E estivo moi interesante facelo. O proxecto comezámolo na primeira avaliación, onde os participantes do equipo de dinamización lingüística do centro comezaron a escoller á xente e contactar con ela para facer as entrevistas. Empezamos coas entrevistas en febreiro e rematamos en maio. Durante maio e xuño montaron o vídeo, coa música e todo o contido”.
As alumnas do IES de Foz que presentaron o documental engadiron que “o equipo de dinamización lingüística do centro elixiu para entrevistar a persoas que falaran galego habitualmente e de diversas profesións que non tiveran nada que ver pero que, as persoas que traballaran nelas, usaran o galego no seu día a día para contarnos cousas como historias relacionadas coa lingua, entre outras. Nós neste proxecto pasámolo moi ben. Foi moi interesante e queríamos dar as grazas a Julia Vidarte, Otilia Fernández, Fina Díaz, Marcelino Villarino, Rosa Calvo, Eddy Varela, Antón Valín, Daniel Val, ao equipo de dinamización da lingua galega e ao Concello de Foz”.
Despois da presentación estreouse a montaxe audiovisual que se trata “dun vídeo colectivo baseado en breves entrevistas a veciños e veciñas de Foz realizadas polas alumnas Uxía Rodríguez, Rosa Martín, Marta Rega, Eva Martínez, Lucía Agrelo, Paola García e Naila García. A través da visión de Julia, traballadora social; Antonio, cura; Otilia, vendedora de peixe; Fina, policía local; Marcelino, ferreteiro; Rosa, costureira; e Eddy, estudante no IES de Foz; achegámonos á realidade cotiá do seu traballo e ao uso consciente da lingua galega”.
A dirección e montaxe son de Roi Cagiao, profesor do IES de Foz e finalista na última edición dos premios Mestre Mateo, na categoría de Documental, coa súa obra Vigo 1972. O son e a música orixinal son froito da colaboración de Alberto Aguado, profesor no IES Illa de Sarón, de Xove.
Despois da proxección o acto rematou con todos os participantes no documental subidos ao escenario da Casa da Cultura focense para facer unha foto xuntos.