Burela, 28 de xuño de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, viaxa hoxe a Madrid acompañado de xubilados do mar e membros da asociación Ledicia para promocionar o bonito que capturan os barcos do peiraro burelés. O sábado, 30 de xuño, ás oito da tarde haberá unha degustación no restaurante Burela da capital. O obxectivo é tentar conseguir a declaración de festa de interese turístico nacional para a Feira do Bonito, así como promocionar Burela e o seu barco museo, o único flotante que existe en España.
O rexedor comentou que “á unha deste tarde emprendemos viaxe cara Madrid unha expedición conformada por xente xa xubilada do mar que pertence á asociación A Moncloa, vai tamén xente de Ledicia e do Concello, uns 19 máis o menos”.
Alfredo Llano dixo que “basicamente do que se trata é de aproveitar esta viaxe para facer unha promoción do bonito. Hai algo que queremos acadar este ano xa, que é a valoración da Feira do Bonito que se celebra todos os anos no primeiro sábado do mes de agosto. Queremos que esa feira, que agora mesmo é de interese autonómico, pase a conseguir a declaración de festa de interese nacional porque pensamos que esta é unha feira que non soamente é para mirar como se prepara o bonito, senón que trae consigo un coñecemento extraordinario orientado cara á cultura, á sociedade e á economía que xerou a pesca do bonito na nosa comarca, e sobre todo no noso concello. Hai que ter en conta que Burela foi medrando a base de costeiras de bonito, e a súa importancia foi fundamental para o crecemento e para xerar movemento económico no noso concello. Houbo épocas nas que había máis de cen barcos pescando este túnido”.
O alcalde de Burela explicou que “imos facer unha degustación o sábado, ás oito da tarde, nun restaurante que se chama Burela. Invitamos a moita xente como xornalistas, persoas que representan institucións, algún político e algunha persoa que traballa en axencias de turismo. Queremos esa distinción para Burela, que sexa unha feira de interese turístico nacional, e polo tanto hai que facer unha serie de actos e promocións, e entre elas vai estar esta”.
Llano subliñou que “hai que defender, e así o faremos porque levamos xente que sabe moito do tema, como son os xubilados que están agora en A Moncloa, como se pescou sempre o noso o bonito aquí desde as nosas embarcacións. Foi empregando medios de pesca sostible que respectan o medio e a especie, e unha vez pescados almacénanse con moito coidado, de tal xeito que nunca chegan deteriorados a porto, e por iso levan esa calidade extraordinaria que se reflicten na trazabilidade que vai sempre indicada cun anel en cada bonito que ven ao porto de Burela”.
O rexedor burelés engadiu que “imos falar tamén do barco museo. Quero explicar que, das cinco bandeiras azuis que se deron a barcos en toda España, soamente o noso é un barco museo que está flotando, así que debe ser unha cousa única. É un barco museo importantísimo polo que pasa moita xente no que se explica como se pesca o bonito, como se pescaba, como se almacena, como se trae, o traballo que había que facer, como se abrían as varas para pescar o bonito”.
Alfredo Llano agarda que “esta viaxe institucional serva para acadar a declaración de interese turístico nacional e para que os nosos mariñeiros expliquen toda a historia do bonito, a importancia que tivo aquí, e entre todos conformemos unha idea global de cómo se deben facer as cousas no mar e como se pode tratar con diferentes fórmulas o bonito de Burela”.