O edil burelés salientou que “os xuvenís do Burela FS veñen de proclamarse campións na copa galega de fútbol sala da súa categoría, aquí en Burela precisamente. Para nosoutros é unha honra este tipo de actos que non son máis que un recoñecemento a todo ese traballo, que tanto xogadores como adestradores e directivas dos clubs veñen facendo”.
Ramiro Fernández Rey lembrou que “este ano foi moi positivo para o deporte en Burela. Conseguimos que ascendera o Burela de fútbol, o Club Baloncesto Burela tamén tivo moitos éxitos nas súas categorías, e o Burela FS estivo ás portas do ascenso á categoría absoluta. Para nós a satisfacción máis grande que temos é ver triunfar, sobre todo ás categorías base, xa que son veciños do noso pobo e é un orgullo para nosoutros que consigan éxitos deportivos”.
O concelleiro de Deportes dixo que “esperemos que o ano que ven sexa tan produtivo como este, aínda que vai ser complicado, e desexarlles unhas boas vacacións a todos os xogadores e xogadoras e que para o ano comecen con enerxía e forza para seguir acadando premios e trofeos para os seus clubs, e evidentemente que redunde tamén no concello de Burela”.
Fernández Rey engadiu que “imos seguir apoiando, como fixemos ata agora, todo o deporte de Burela. Multiplicamos case polo dobre as axudas que se daban aos clubs, estamos traballando intensamente na mellora das instalacións deportivas, e esperamos que esa colaboración que está habendo con todos os clubs e con todas as entidades deportivas do concello siga manténdose para seguir traballando man a man na mellora do deporte en Burela”.
Presidiron a recepción ofrecida esta mañá no Concello o alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey.