Viveiro 14-6-18. O Concello de Viveiro ten asinado un convenio de colaboración coa Xefatura Provincial de Tráfico no que se establecen unha serie de compromisos e campañas que esta administración debe levar a cabo ao longo do ano. Entre estas medidas, figura a esixencia de realizar unha campaña de control de velocidade, que este concello vai levar a cabo durante os meses de xuño, xullo e agosto, instalando un radar naqueles puntos do termo municipal nos que se ten constancia de excesos de velocidade ou naqueles nos que se teñen producido accidentes por esta causa. Atendendo a estes criterios e dando cumprimento as demandas veciñais, que viñan reclamando a adopción de medidas co fin de evitar estas situacións, o radar colocarase principalmente nas tres entradas ao núcleo, en Celeiro, Covas e Magazos, e tamén na zona dos colexios.
Esta campaña ten como único obxectivo a prevención de accidentes por exceso de velocidade, co fin de garantir a seguridade tanto da veciñanza como de todas aquelas persoas que nos visitan. A campaña lévase a cabo, precisamente, nesta época entendendo que se trata do periodo máis adecuado tendo en conta o incremento de poboación e a notable intensificación do tráfico rodado.
Cómpre sinalar, finalmente, que esta ten como finalidade a seguridade, a prevención e a concienciación da cidadanía con respecto á necesidade de dar cumprimento, por seguridade, aos sinais e límites de velocidade establecidos; dende o concello, quérese aproveitar a ocasión para lembrar que o límite de velocidade dentro do casco é de 50 km/h, agardando que a campaña sirva para lograr os obxectivos referidos.