Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo acometerá un proxecto de mellora e acondicionamento da Alameda dos Remedios e o seu acceso

Mondoñedo, 27 de xuño de 2018.- O Concello de Mondoñedo acometerá un proxecto de mellora e acondicionamento da Alameda dos Remedios e o seu acceso. O Goberno local pretende con esta actuación recuperar un espazo urbano constituído pola Alameda dos Remedios, situada no acceso á Igrexa dos Remedios.

As obras prolongaranse por un prazo de tres meses e contarán cun investimento de 110.289,13 euros.

Así, o Goberno local pretende con esta actuación recuperar a pavimentación de parte dos accesos, recuperar os muros perimetrais existentes, realizar traballos de mantemento de arborado, con reposición de árbores de gran porte, melloras de eficiencia enerxética do alumeado e reposición de parte do mobiliario.

A pavimentación plantéase de maneira similar ao resto das rúas do conxunto histórico da cidade, con lousa de granito e pizarra colocada a modo de chapa cuña.

Como complemento ás obras de acondicionamento da alameda dos Remedios plantéase o acondicionamento da subida á Alameda, un dos accesos principais á mesma, cuxo espazo actualmente presenta un pavimento en mal estado de conservación. A rúa de acceso non dispón de ningún tipo de servizo, polo que se plantean ademais obras de saneamento e abastecemento.

Levarase a cabo ademais a restauración dos muros perimetrais existentes que en parte fan de muros de contención para a explanada da propia Alameda, proponse a limpeza manual de todos os seus elementos, muros, albardillas, etc…, ademais da renovación dos morteros de enfoscado dos mesmos, actualmente moi deteriorados.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, asegura que se trata de acometer un traballo de recuperación dun entorno emblemático situado en pleno conxunto histórico da cidade. “Farase un traballo importante de mellora e acondicionamento que traerá consigo a recuperación integral deste entorno tan importante para Mondoñedo e maiores comodidades para veciños e visitantes”, precisa.

O proxecto foi redactado pola arquitecta da Oficina Municipal de Rehabilitación e polos servizos técnicos municipais.

Consensuar todas as melloras
O Goberno local ten previsto ademais consensuar todas as melloras posibles para a intervención neste espazo, tanto coas asociacións organizadoras das festas como coa veciñanza. Así, atenderán as propostas que xa se teñen feito en relación co soterramento do cableado, as conexións para as actuacións musicais durante as festas ou o valado do parque infantil para incrementar a seguridade, entre outras medidas.

Exit mobile version