Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo mellorará a área de autocaravanas da Veiga “un puntal importante do noso turismo que rolda o 100% de ocupación moitos días de verán”

Cervo, 14 de xuño de 2018.- O Concello de Cervo mellorará nos vindeiros días a área de autocaravanas da Veiga tan frecuentada nos meses de verán.
Así o anunciou hoxe o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que acompañado pola edil de Turismo, Manuela Méndez, estivo visitando a zona sobre a que imos actuar nos vindeiros días co fin de regular o estacionamento, “o que permitirá ás persoas usuarias gañar en comodidade durante a súa estancia, ao tempo que ordenamos o tránsito nesta zona”.
Villares puxo en valor este espazo que é a día de hoxe un puntal importantísimo do turismo no noso Concello, tendo en conta que a ocupación rolda o 100% moitos días de verán; polo que “traballamos para conseguir unha contorna que sexa confortable para as persoas que nos visiten; tendo en conta tamén os beneficios que reporta esta modalidade vacacional, tan en auxe, ao noso municipio”.
Pola súa banda, Méndez, apuntou que estes traballos que imos acometer veñen sumarse a outros que levamos a cabo en meses pasados nesta área como “a posta en funcionamento dunha rede wifi municipal; a instalación de novos puntos de luz e paneis informativos sobre a contorna con todo tipo de información turística e de interese para as persoas usuarias que inclúe a localización dos diferentes puntos turísticos e servizos fundamentais do municipio”.
Para poder navegar por internet só hai que rexistrarse a través dun correo electrónico, e directamente o usuario é reconducido á páxina web do Concello de Cervo, que dispón de completa información sobre todos os atractivos do municipio e servizos de interese para os visitantes.
Os usuarios poderán empregar tamén esta rede para facer as xestións e trámites que precisen durante a súa estancia en Cervo.
Villares sinalou que, a partir de agora e durante todo o verán, “o goteo de autocaravanas que chegan ata o o noso Concello é constante e por iso pensamos que estes traballos que fixemos e imos facer son moi importantes porque van dirixidos a mellorar as prestacións e a información turística para lograr unha estancia agradable e brindarles tamén as persoas que nos visiten unha completa información sobre todo o que lles pode ofrecer o noso Concello en canto a servizos e atractivos”.

Exit mobile version