Cervo, 12 de xuño de 2018.- O Concello de Cervo convida a veciños e visitantes a desfrutar das Festas na Honra de San Luis, en Figuerido.
A cita, organizada pola Asociación Socio-Cultural Ponte da Salgueiriña coa colaboración do Concello, será o 22, 23 e 24 de xuño.
A programación comezará o venres, 22, a partir das 22:30 horas, cunha Gran Verbena a cargo do Grupo Alma Latina e da Orquestra Palladium.
O sábado, 23 de xuño, ás 9:00 horas, terá lugar o chupinazo que anuncia o inicio do día grande das Festas. Ás 11:00 horas haberá pasacorredoiras a cargo dos gaiteiros de Airiños do Xunco, de Cervo. Ás 14:00 horas terá lugar a misa solemne na honra de San Luis no campo da festa; e, a continuación, haberá sesión vermú a cargo do Grupo Alma Latina.
Haberá unha gran lumeirada de San Xoán e serviranse racións de churrasco, chourizo, crioulos e pan por 5 euros. A continuación, desde as 22:30 horas, haberá festa rachada a cargo do Grupo PK2; e pechará o día grande das festas o concerto de Los Limones.
Xa o domingo 24, desde as 17:30 horas, haberá demostracións e desfrute de xogos populares.