Burela, 28 de xuño de 2018. No Concello tivo lugar esta mañá unha xuntanza dos directores dos catro centros de ensino de Burela co inspector de Educación. Ao encontro asistiron tamén o alcalde, Alfredo Llano, a concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero, a traballadora social, a educadora familiar e a psicóloga da inmigración.
Otero explicou que “foi un encontro solicitado polo Concello ao inspector de Educación a petición dos centros de ensino: IES Perdouro, IES Monte Castelo, CEIP Virxe do Carme e CEIP Vista Alegre”.
A edil burelesa contou que “o que se lle trasladou ao inspector foron as necesidades detectadas no ámbito educativo nos centros e referidas sobre todo ao colectivo inmigrante. Quedamos en seguir traballando unidos e en manter novas xuntanzas a partires de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar”.