Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica o “dedazo” do PP en postos dentro do servizo de gardacostas

Santiago de Compostela, 28 de Xuño, 2018. A deputada do BNG, Montse Prado criticou hoxe, a través dunha pregunta na comisión de Pesca o modelo imposto polo decreto de ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galiza relacionado coa “libre designación” de diferentes cargos.

Para a parlamentaria o decreto evidencia o “ordeno e mando” e propicia o “dedazo” en contra da capacidade e mérito para optar as devanditas prazas así como o concurso ordinario ou oposición. Este decreto obedece a intereses do Partido popular e da Consellería do Mar, denunciou.

Vostedes, explicou, botan man do decreto que establece como principio básico das relacións funcionariais “o principio de xerarquía” e non debemos esquecer que estamos a falar do servizo de Gardacostas de Galiza e este principio colide coa capacidade ou mérito que debe primar no organigrama do persoal e das súas función como a inspección onde xa existen normas de autoridade e que deben de ser eles os que actúen en función do seu coñecemento e normativa e non en función do “principio de xerarquía ou do que lle ordene un superior nomeado a dedo”.

Prado reiterou que a Xunta asegurou que os nomeamentos do subdirector xeral, xefes de sección de control, vixilancia, técnica de reparación e mantemento, xefatura de sección de seguridade marítima até os xefes de seguridade marítima foron “a de dedo” para ser a xerarquía que exercerá as ordes sobre o resto do persoal. Son os que ordenan o que deben ou non deben facer.

Para a parlamentaria do BNG, resulta evidente que a Xunta pretende co decreto “blindar as atribucións e crear unha estrutura de mando ao servizo dos intereses marcados pola consellería e o Partido popular. Un modelo dixo, que vai propiciar situacións como que o patrón da lancha que é funcionario por oposición “en terra” contará con competencias para obrigar aos traballadores a levantar actas esgrimindo o amparo do decreto publicado no DOG.

Prado rexeitou este modelo por “antidemocrático” e porque consolida o “principio de xerarquía” nunha administración na que debe primar sempre a igualdade. Neste sentido referiuse ao acontecido na confraría de percebeiras de Baiona onde foi levada a cabo unha actuación co levantamento de actas nas que parte dos gardacostas negáronse mesmo a decomisar o percebe ao comprobar que non existía ningunha irregularidade pero polo “principio de xerarquía” foron presionados para sancionar con cantidades que sobrepasan os 4.000 euros. Agora, engadiu Prado, son os tribunais os que están a dirimir que ten ou non ten razón e xa foron ditadas sentenzas contrarias á consellería coa obriga de devolver as cantidades indebidamente cobradas por irregularidades inexistentes, concluíu.

Exit mobile version