Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz cualifica de incoherente a postura do BNG ao non apoiar o orzamento municipal deste ano porque é practicamente o mesmo do 2017 prorrogado

Foz, 27 de xuño de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, critica a posición do BNG respecto ao orzamento municipal deste ano porque “é unha incoherencia absoluta, pois agora din que van votar en contra, cando é practicamente o mesmo que axudaron a aprobar o ano pasado”. O rexedor di que “isto ocorre porque agora actúan por electoralismo e convértense nun BNG destrutivo”.
Javier Castiñeira manifesta: “no equipo de goberno do Concello de Foz estamos abraiados coa nova actitude das concelleiras do BNG e a súa idea de votar en contra do novo orzamento municipal para este ano. Parécenos unha incoherencia absoluta porque este é o mesmo orzamento que elas axudaron a aprobar no ano 2017, pero prorrogado cunhas pequenas modificacións para poder cumprir co plan económico financeiro e con elo poder sacar adiante a residencia de maiores, que era algo co que elas estaban de acordo”.
O alcalde pregúntase “que é o que lles fixo cambiar de opinión do ano 2017 a agora? Eu entendo que foi a asemblea do BNG porque ten complexos, pois non saben o que é colaborar co equipo de goberno para facer cousas polo pobo e única e exclusivamente buscan motivos políticos e electorais”.
Castiñeira engade: “parécenos incrible que achaquen a situación económica ao equipo de goberno cando eles foron os que, co seu voto en contra, non permitiron a actualización de prezos que nos levou a ter que pagarlle a Gestagua un millón e medio de euros; e iso é o que nos leva a incumprir coa regra de gasto. Ademais tamén nos obrigaron a facer a reforma do pavillón, que era unha das condicións que eles poñían para aprobar os orzamentos do ano pasado e que foi algo que nos fixo incumprir a regra de gasto, polo que é incomprensible que sexan eles agora os que achacan ao equipo de goberno a mala xestión”.
O rexedor declara tamén: “non cremos nada do que di o BNG porque isto única e exclusivamente obedece á unha estratexia política, de electoralismo. Nós quedámonos co BNG construtivo dos primeiros tres anos, nos que había boa vontade, porque ademais o equipo de goberno lles ofrecía pactos en cousas positivas para o concello. Pero este BNG é destrutivo, un Bloque pesado para os intereses do concello, e o que fan é tirarse do tren cando está chegando ao seu destino. Lamentamos esa fuxida do BNG e tamén as incoherencias e a falta de cordura que teñen nestes últimos días”.

Exit mobile version