Foz, 14 de xuño de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anuncia que as reunións individuais cos grupos da oposición para tentar chegar a acordos que permitan aprobar o orzamento municipal deste ano empezan a dar froitos porque Foz Plataforma de Futuro xa presentou publicamente propostas viables.
Javier Castiñeira manifestou esta mañá: “desde o equipo de goberno satisfainos oír que desde Foz Plataforma de Futuro presentan unha serie de propostas, que é o resultado destas últimas reunións que, de forma individualizada, estamos facendo cos grupos municipais, tal e como se anunciou poucos días despois de saber que no pleno quedaban bloqueados os orzamentos e con elo o plan económico financeiro e a saída para a posta en funcionamento da residencia de maiores”.
O alcalde subliña que “este esforzo na negociación eu creo que vai dar os seus froitos. As propostas que se presentan nós xa as coñecemos e entran dentro daquelas que nosoutros entendíamos que eran as ferramentas posibles para poder sacar adiante a residencia. Para elo hai que aprobar os orzamentos e esas propostas de mínimos que nosoutros dicíamos poden encaixar perfectamente. A idea de poder sacar o plan económico financeiro é fundamental para que no próximo pleno, aínda que vai ir todo moi forzado, poidan ir as tres proposicións, que van ser aprobar os orzamentos, aprobar o plan económico financeiro e aprobar a saída da residencia cos regulamentos que xa temos feitos”.
Polo tanto Castiñeira engadiu: “estou contento porque sabemos que os grupos teñen mellor vontade, especialmente Foz Plataforma de Futuro. Onte tivemos a reunión co Partido Socialista, co que hai moitas máis diferenzas, pero polo menos conseguimos falar deste asunto para tratar de desbloquealo. Queda pendente a reunión co BNG, que estaba prevista para o luns pasado pero que cambiaron para o próximo luns e esperemos que sexa co mesmo ambiente. Estou contento porque penso que eses acordos de mínimos creo que se poden conseguir perfectamente. Cremos que o plan económico financeiro é viable e con elo a saída da residencia, que é o que todos queremos, que se poida sacar e alí poidan estar veciños de Foz, que se poida trasladar aos veciños do asilo e tamén que os traballadores dese centro poidan conservar os seus empregos. Así se lles trasladou na última reunión que tivemos cos sindicatos dos traballadores do asilo, para que estivesen máis tranquilos; e o padroado tamén contento porque isto non quede bloqueado e está aberto a que, unha vez teña solución o traslado do asilo ao xeriátrico, o edificio poida quedar para fins municipais, que entendemos que é o que todos queremos. Estamos contentos porque vemos a luz detrás do túnel grazas a boa vontade negociadora de todos os grupos”.