A Noite de Orientación, na Praza dos Campos, será a actividade que inaugure unha completa axenda lúdico-deportiva que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto en direrentes ubicacións de Cervo e San Cibrao; a partir das 22:00 horas o primeiro día de cada actividade. O resto de xornadas poderán variar os horarios en función dos grupos participantes.
As inscricións, abertas a todos o mozos do Concello, pero tamén a todos aqueles visitantes e veciños da contorna que desexen participar, deberanse facer o primeiro día de cada actividade, entre as 20:30 e as 21:30 horas.
Tal e como explicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares “volvemos deseñar un calendario deportivo amplo e con actividades moi diferentes, pensadas como alternativa de ocio para os rapaces e rapazas durante a tempada estival; co obxectivo de que, tamén nestes meses, desenvolvan hábitos de vida saudable, beneficiándose das bondades da actividade física en xeral.
Así, haberá fútbol praia, fútbol 3×3, fútbol 7, rutas en kaiaks, volei praia, basket 3×3, pádel, unha noite do patín, noites de orientación e xogos.
As actividades desenvolveranse na praia do Torno, na zona do Porto, na Praza do Souto, de Cervo, na Praza dos Campos, de San Cibrao, e nas instalacións do complexo deportivo da Veiga.
Todas as actividades son de balde, e fixaranse diferentes categorías a partir dos 8 anos (sub 10, sub 12, sub 15, sub 17 e Sénior).
Soto e Caramés animan, pola súa banda, a toda a mocidade a que participen nas actividades, a que aproveiten o bo tempo para facer deporte ao aire libre, compartindo tempo de lecer con outros compañeiros e compañeiras.