Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo acolle entre o 30 de xuño e o 15 de xullo unha nova edición do Campus Internacional de Baloncesto no que participarán máis de 400 mozos de toda España e mesmo de Lituania

Mondoñedo, 29 de xuño de 2018.- O edil de Deportes do Concello de Mondoñedo, Manuel Tapia Rivera, informa de que entre este sábado 30 de xuño e o domingo 15 de xullo, a cidade acollerá o “prestixioso” Campus Internacional de Baloncesto de Mondoñedo, no que participarán máis de 400 mozos de toda España e, mesmo este ano, tamén se darán cita na localidade xogadores que proveñen de Lituania, “prestixioso berce do baloncesto”.

Do mesmo xeito, dende a Delegación de Deportes do Concello de Mondoñedo tamén explicaron que este Campus, “un dos máis prestixiosos do país e que conta con participantes de toda Galicia e España, é un bo punto de encontro para todos aqueles que queiran mellorar a práctica do baloncesto”. De feito, nesta edición “tamén contaremos coa presenza de xogadores das prestixiosas canteiras do Real Madrid e Estudantes, entre outras”.

Manuel Tapia Rivera considera que “a convivencia está asegurada e Mondoñedo será o punto de encontro de mozos de 8 a 18 anos, que acoden dende o País Vasco, La Rioja, Madrid, Castilla la Mancha, Castilla León e Madrid, entre outras moitas autonomías; e durante quince días serán uns veciños máis da nosa cidade”.

Do mesmo xeito, tamén se agarda a presenza de adestradores e xogadores de ligas profesionais e tamén da xogadora de Liga Feminina Uni Ferrol, Marina Delgado. A programación inclúe a maiores a realización de excusións á zona da Mariña, ás praias máis significativas e a moitas actividades de tempo libre e de piscina.

Por último, o edil de Deportes de Mondoñedo precisou que “ Campus forma parte da nosa promoción do deporte e implica dar a coñecer Mondoñedo a máis de 400 familias, que depositan a confianza neste Campus para a formación educativa dos seus fillos e moitas delas realizan turismo durante os días de celebración do Campus ou mesmo en datas posteriores”.

Exit mobile version