Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Concello de Ribadeo promoven o son cubano coa xira de Roi Casal

Lugo, 27 de xuño de 2018. Os veciños da Mariña poderán desfrutar do son cubano coa xira de Roi Casal da Deputación durante a festividade do Ribadeo Indiano. O Executivo Provincial e Concello de Ribadeo colaboran nun proxecto que ten como finalidade poñer en valor, dun modo moderno e actual, a histórica relación entre Cuba e Galicia. Son galego, Son cubano chega este sábado 30 de xuño ás 22:30 horas ao Cantón de Ribadeo, con entrada libre e gratuíta para todo o público.

Son Galego, Son Cubano, é un proxecto liderado por Roi Casal co que colabora o organismo provincial cunha achega de 20.000 euros. Trátase da xira que terá lugar nos meses de xuño, xullo e agosto, neste municipio da Mariña, así como nos Concellos de Guitiriz, Láncara e Monforte. O Goberno da Deputación asume o 40% de cada concerto, mentres que o 60% restante é financiado polos Concellos.

Esta iniciativa contou con participantes de excepción como Neira Vilas (figura emblemática das letras galegas), Roi Casal (un dos artistas máis internacionais da música galega), Pablo Milanés (icona da nova Trova cubana) ou Nando Casal (membro fundador de Milladoiro, a prestixiosa banda galega).

O espectáculo, que dura unha hora e corenta minutos, conta con Roi Casal acompañado de dez músicos e un artista convidado que porá musica aos textos de Neira Vilas. Nos concertos xuntaranse artistas de ambos os dous lados do Atlántico e escoitaranse os sons tradicionais galegos e cubanos.

Son galego, Son cubano nace en 2014 por encargo do Instituto Cubano de la Música (ICM) a Roi Casal despois de que o artista fose galardoado co Premio Internacional Cubadisco ese mesmo ano na illa caribeña. Esta xira leva ao gran publico a historia, contada e escrita por Neira Vilas nos seus últimos meses de vida, para dar como resultado o que hoxe en día é considerado como o gran espectáculo musical entre Galicia e Cuba.

Lugo-Cuba
Da provincia de Lugo partiu o groso da emigración galega a Cuba, entre finais do S.XIX e principios do S.XX. Os emigrados comezaron a asociarse co fin de conseguir unha mínima cobertura médica, pois estaban desamparados e expostos a condicións laborais do máis precarias na illa. Estas asociacións foron gañando masa social coa chegada incesante de emigrados e así, en poucos anos, puideron acadar unha capacidade económica que lles permitiron sufragar escolas, hospitais, actividades culturais… nas súas aldeas de orixe en Galicia.

A mariña lucense chegou a ter máis de 20 asociacións activas de emigrados en Cuba. A asociación Hijos de Ribadeo constitúese en 1927 na Habana, e hoxe en día toda a documentación está a resgardo no Palacio do Centro Galego (actual Gran Teatro da Habana)

A actuación de Son galego, Son cubano levarase a cabo dentro da programación do Ribadeo Indiano, unha festa que rememora a época na que os emigrados podentes en Cuba retornaban á súa vida natal con costumes importadas de Cuba (construcións, vestimentas, cancións, automóbil, etc.).

Exit mobile version