No que na casuística penal se denomina concurso real de delitos –varias accións, varios delitos- ao Duque de Palma calzáronlle 2 anos e 3 meses como autor dun delito continuado de prevaricación con malversación, 7 meses por Fraude á Administración Pública, un ano por tráfico de influencias e dúas condenas de 1 ano cada unha por dous delitos fiscais.
Semella que desta vola é a definitiva, e ao noso amigo aristócrata réstanlle pobres bazas coas que eludir o “talego”: un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional que non suspende a execución da pena, e un eventual indulto, o cal, como medida política de graza, plantéase como disparatado, dado o regueiro de “clamor popular” que o proceso trouxo tras de si.
O mércores foron o Urdangarín, o seu socio Diego Torres e o ex presidente balear Jaume Matas recoller os mandamentos de ingreso en prisión. Xa dicía o refrán: os ricos tamén choran, e non sempre é de risa.
Aínda que postos a rachar tópicos, non todo o que rouba o fai por necesidade: o Duque de Palma era o paradigma de xenro perfecto; fillo de Juan María Urdangarín Berriochola, militante histórico do PNV e ex presidente da Caixa de Aforros de Vitoria e Álava, pasou a súa infancia a cabalo de Vitoria e Barcelona. Na Cidade Condal exerceu como xogador profesional de balonmán de exitosa traxectoria. Logo chegaría o casamento con Cristina Federica Victoria Antonia de la Santísima Trinidad de Borbón y Grecia, a nosa infanta.
Neste curto perfil biográfico omítese unha faceta que viría logo: a dos negocios. Esgotado o periplo deportivo, o até entón modélico persoeiro creou co seu socio Diego Torres o Instituto Noós, unha entidade sen ánimo de lucro creada para atraer cerca de 6,2 millóns de euros das administración públicas de Valencia e Baleares.
O Instituto ofrecía a organización de conferencias e eventos por unha cifra moi superior ao gasto real que, á súa vez, era desviado a un entramado complexo de empresas pantalla; entre elas Aizoon, onde a infanta Cristina era propietaria ao 50%.
A dinámica era sinxela, facer uso da súa influencia e posición de privilexio perante a administración valenciana e balear para logo obter rédito económico.
E así foi como o xenro perfecto, o Duque de Palma, pasou a ser o Duque do capitalismo clientelar, unha forma de mercado con grande arraigo no estado español. Trátase de ter o contacto axeitado, de coñecer ao home, o resto ven só.
Deste xeito, as responsabilidades penais que se lle esixen a Urdangarín non deixan de ser un paradoxo: a opinión pública fixo de contra poder e converteuno en culpable. E isto sucedía no mesmo país onde, entre outros, un goberno socialista indultaba ao conselleiro delegado do Banco Santander Alfredo Saénz, ou no que o ex ministro de Guindos adiantou a saída do Gobernador do Banco de España a petición de Emilio Botín.
No fondo o noso condenado protagonista non é máis que un aristócrata no modelo de capitalismo de amigos, o duque do capitalismo de estado.