Campos Conde explicou que de seguido, os técnicos da Deputación comezarán coa redacción do proxecto. Unha vez rematado, o Concello deberá outorgar a licenza de obra para poder iniciar os traballos que, previsiblemente, arrancarán este mesmo ano. O titular provincial avanzou que esta dotación social ofrecerá unhas 50 prazas, 30 delas serán para residentes, e 20 para centros de día, respectando o modelo maioritario de prazas da rede provincial de residencias e centros de día da Deputación.
Trátase dunha finca duns 2.200 metros cadrados que se atopa a uns 500 metros do núcleo urbano da Pontenova, buscando que os maiores que desfruten desta dotación social teñan os servizos o máis preto posible, como o Centro de Saúde, a Farmacia da Pontenova ou outros lugares de interese, co fin de que os usuarios non perdan a súa proximidade ao núcleo da vila, facilitando así a súa actividade diaria.
Campos Conde destacou que “esta infraestrutura social que construiremos en solitario Deputación e Concello busca ofrecer aos veciños máis maiores da zona un servizo profesional que lles permita desenvolverse con normalidade no seu día a día, e preto das súas casas. É por iso polo que dende o Goberno Provincial, dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, estamos a construír unha rede de residencias e centros de día públicos, coas que facer fronte á escaseza de prazas públicas para maiores na provincia”.