Ribadeo, 28 de xuño de 2018. As novas instalacións de Acisa, sitas no nº 13 da rúa Viejo Pancho, en pleno casco histórico de Ribadeo, acolleron a entrega dun ordenador doado polo colectivo empresarial ao Club de Remo local.
No acto participaron José Antonio Lombardero, vocal na directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos e Nicasio Fernández, vicepresidente do Club de Remo de Ribadeo.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinalou que “con este acto seguimos na liña de colaboración con asociacións ou clubs deportivos de Ribadeo. Desde Acisa o que facemos, sempre na medida das nosas posibilidades, é axudar doando material ou vales de compra para a adquisición deses materiais que estes colectivos precisan. Nunca damos cartos en efectivo, ou mercamos o que precisen en locais asociados ou entregamos vales de compra para gastar nos establecementos socios de Acisa”. E engadiu que “estamos moi contentos de colaborar co Club de Remo de Ribadeo así como con outros clubs ou asociacións locais vinculadas co mundo do deporte e da cultura”.
Pola súa banda, o presidente do Club de Remo de Ribadeo, Miguel Balsa, agradeceu “a colaboración de Acisa con nós, grazas á que temos este ordenador, que é de grande utilidade para o traballo administrativo que desenvolvemos, así como para a planificación das regatas, etc. Sen algo tan fundamental como un ordenador non se pode funcionar en condicións”.
Actividade en Rinlo
Mañá, venres, pola noite Acisa en colaboración coa Xunta de Galicia organiza un espectáculo en Rinlo “co fin de dinamizar algunhas parroquias tan importantes coma esta, que conta cuns establecementos hostaleiros e gastronómicos de grande categoría como son A Cofradía, El Portillo, A Mirandilla ou Porto de Rinlo”, sinala o presidente de Acisa, Francisco Iriarte.
A partires das 22:30 horas na praza de San Catalina haberá un espectáculo musical e visual a cargo de Queiman e Pousa. Os que se acheguen ata Rinlo gozarán dunha noite máxica e sorprendente, na que se exaltará a súa gastronomía, a paisaxe e a tradición.
Iriarte anima “a todo o mundo a asistir a este espectáculo e a non perder a oportunidade de consumir e cear nos catro establecementos asociados a Acisa cos que contamos en Rinlo”.
E engade: “desde Acisa xa traballamos en novas actividades para seguir dinamizando Rinlo e outras zonas ás que ata o de agora non chegaramos”.