Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Persoal alerta do peche dunhas 30 camas no Hospital de Burela durante o verán, “precisamente cando máis poboación hai na comarca da Mariña”

A Mariña, 13 xuño 2018.- A Xunta de Persoal considera “unha irresponsabilidade” o peche de camas no Hospital da Costa durante os meses de verán, por ser precisamente esta “a época na que máis poboación hai na comarca da Mariña” e esixe á Xunta “que adopte as medidas necesarias para garantir que o Hospital da Mariña funcione a pleno rendemento durante o período estival.
A Xunta de Persoal, denuncia que o Hospital de Burela funcionará “a medio gas” nos vindeiros meses e alerta de que isto vai repercutir “no empeoramento da atención sanitaria á cidadanía e no aumento das listas de espera”.
A Xunta de Persoal argumenta que “a xente non escolle o mes para enfermar” e di que “o Hospital da Mariña ten que estar preparado e plenamente operativo para atender a toda a poboación, tanto aos habitantes da comarca da Mariña como a toda a xente que ven pasar as súas vacacións á comarca nestes meses”.
“Coa saúde da xente non se xoga”
A Xunta de Persoal insiste en que “a sanidade é o primeiro” porque “coa saúde da xente non se xoga” e reitera “que a defensa da sanidade pública, do Hospital da Mariña e do dereito dos veciños e veciñas da Comarca a contar con un Hospital a pleno rendemento os 365 días do ano e uns servizos sanitarios de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca, é unha prioridade”.
Concentración contra o peche de camas.
A Xunta de Persoal convocou unha concentración este mércores 13 de xuño ás 12 da mañá diante do Hospital mariñao na que participaron usuarios e profesionais da saúde.

Exit mobile version