Susana López Abella convidou aos alumnos e alumnas participantes neste acto a asistir á entrega do premio Wonenburguer deste ano, viaxe para o que ofreceu a axuda da Xunta de Galicia. Tamén se comprometeu a seguir colaborando co colexio Sagrado Corazón, de Ribadeo, para difundir o papel das mulleres noutros ámbitos.
Ademais, na súa intervención durante a visita ás exposicións, a secretaria xeral de Igualdade explicou en que consiste a Unidade de Muller e Ciencia, que ela preside: “é un organismo que está formado por departamentos da Xunta de Galicia, concretamente a Secretaría Xeral de Universidades; tamén está a Axencia Galega de Innovación; está ademais AMTEGA, que é outro departamento da Xunta de Galicia que se encarga de que teñamos todo informatizado e chegue ás vosas casas o WiFi, por exemplo. Todas elas están dirixidas por mulleres porque a Axencia Galega de Innovación diríxea Patricia Argerey e AMTEGA, que é a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, está dirixida por Mar Pereira. Tamén está o SERGAS, que ten un equipo de investigación moi importante para mellorar contra enfermidades como o cancro. Hai mulleres científicas expertas dentro desa unidade, unha delas é Alicia Estévez Toranzo, que naceu en Pontevedra e é a maior especialista mundial en enfermidades dos peixes que se crían na acuicultura. A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia todos os anos decide quen vai a ser a galardoada co premio Wonenburguer, que entrega o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. No 2017 déselle a Begoña Vila, unha astrofísica de Vigo que estudou na Universidade de Santiago de Compostela e que traballa na NASA cun presuposto similar ó da Xunta de Galicia para a construción do próximo telescopio que será enviado ó espazo”.
E Susana López Abella rematou animando ó alumnado a esforzarse e investigar.