Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concellería de medio ambiente de Burela celebra o día mundial dos océanos organizando limpezas de praias esta semana e a vindeira e concienciando á poboación da necesidade de usar menos plásticos e de reciclar os que se empreguen

Burela, 14 de xuño de 2018. O 8 de xuño celebrouse o día Mundial dos Océanos baixo o lema Limpemos os nosos océanos e a Concellería de Medio Ambiente celebra estes días esta efeméride con varias limpezas nas praias burelesas.
Noelia Mª Ben explicou que “con este motivo organizamos varias limpezas de praias do noso concello. Onte, 13 de xuño, con Eu Son limpamos a praia de Portelo, hoxe tocoulle o turno á praia do Cabaliño, que foi limpada por membros da asociación A Mariña, o venres limparemos a Marosa con membros da ANPA do CEIP Vista Alegre (a saída está prevista para as cinco da tarde da praia do Cabaliño, e unha vez realizada a limpeza organizaranse xogos), o xoves, 21 de xuño, limparemos a praia de Ril coa Asociación Camiña e o venres 22 ás 16:30 tocaralle o turno á ANPA do CEIP Virxe do Carme”.
A concelleira de Medio Ambiente dixo que “aproveitaremos para ensinarlles aos participantes nesta limpeza a separar axeitadamente os residuos na praia e logo limparemos o areal de Portelo. Todo o material necesario para levar a cabo estas actividades será proporcionado polas monitoras de Gaia. Gustaríanos recalcar que non só limpamos as praias, senón que explicamos aos participantes nestas actividades de onde procede todo o lixo que recollemos, cales son as consecuencias que provoca e entre todos propoñemos solucións para acadar uns océanos máis limpos”.
Noelia Mª Ben subliñou que “esta é unha actividade que vimos repetindo ano tras ano e que nos parece de vital importancia, xa que consideramos imprescindible concienciar da importancia de manter os océanos limpos, xa que xeran a maior parte do osíxeno que respiramos, absorben unha gran cantidade de emisións de carbono, ofrecen comida e nutrientes, regulan o clima, e un sinfín de funcións máis que garanten a vida no noso planeta. E por desgraza os nosos océanos cada vez están máis cheos de lixo, sobre todo plásticos, por iso animámosvos a usar menos plástico e a reciclar o que usedes”.

Exit mobile version