Antes de empezar o concerto, que se celebrou no Cine Teatro ribadense, unha das compoñentes da formación, Carmen Ramos, fixo a presentación, na que falou da escritora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno Márquez, e anunciou os temas que posteriormente tocaron: Balancé, de Reveriano Soutullo; 1888, de Juan Lois Diéguez; Fantasía en Do, de David Fiuza; Cidra, de Reveirano Soutullo; Marcha Nº 1 en Do Maior, de León Durán; Coruña, de Faustino del Río; Cortegada, de Gustavo Freire; e O Bico, de Xoán Montes con arranxos de Indalecio Fernández Groba. Todas estas pezas excepto a terceira foron interpretadas neste concerto por primeira vez pola Banda de Ribadeo, que a continuación agasallou ao numeroso público coa Muiñeira de Chantada e rematou o concerto co Himno Galego.
A banda municipal ribadense vai participar o sábado próximo, día 26 de maio, nun acto con motivo do centenario do nacemento de Carlos Álvarez Fernández-Cid, que foi director da Banda de Ribadeo no ano 1946. Consistirá no descubrimento dunha placa que se vai levar a cabo na rúa San Francisco, xunto á súa casa. Así o anunciou David Ballester durante o concerto de onte.