Ribadeo 20 de maio de 2018. Aínda que estaba previsto que fosen catro as novas incorporacións da Banda de Música Municipal de Ribadeo que debutaran no concerto de onte, sábado, para celebrar o Día das Letras Galegas, finalmente foron tres: Andrea Rodríguez, á trompa; Ángel Muíña, coa trompeta; e Patricia Álvarez, no clarinete. A outra nova incorporación, Uxía Urbieta, non puido tocar nesa actuación pero farao nas próximas. O director, David Ballester Martínez, destacou que estes catro novos músicos levan apenas tres semanas ensaiando coa Banda.
Antes de empezar o concerto, que se celebrou no Cine Teatro ribadense, unha das compoñentes da formación, Carmen Ramos, fixo a presentación, na que falou da escritora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno Márquez, e anunciou os temas que posteriormente tocaron: Balancé, de Reveriano Soutullo; 1888, de Juan Lois Diéguez; Fantasía en Do, de David Fiuza; Cidra, de Reveirano Soutullo; Marcha Nº 1 en Do Maior, de León Durán; Coruña, de Faustino del Río; Cortegada, de Gustavo Freire; e O Bico, de Xoán Montes con arranxos de Indalecio Fernández Groba. Todas estas pezas excepto a terceira foron interpretadas neste concerto por primeira vez pola Banda de Ribadeo, que a continuación agasallou ao numeroso público coa Muiñeira de Chantada e rematou o concerto co Himno Galego.
A banda municipal ribadense vai participar o sábado próximo, día 26 de maio, nun acto con motivo do centenario do nacemento de Carlos Álvarez Fernández-Cid, que foi director da Banda de Ribadeo no ano 1946. Consistirá no descubrimento dunha placa que se vai levar a cabo na rúa San Francisco, xunto á súa casa. Así o anunciou David Ballester durante o concerto de onte.