Cales son os motivos que levaron a Foz Plataforma de Futuro a cambiar en sete días de forma radical a súa opinión con respecto á xestión do novo xeriátrico de Foz? ¿Como pode ser que a súa portavoz en política social diga no pleno pasado que van apoiar a saída para a residencia de maiores sempre e cando se aprobe un plan económico financeiro a dicir sete días despois que non aprobarán un sistema como o que propón o equipo de goberno?
¿Está pasando algo en Foz Plataforma de Futuro? ¿Hai algún tipo de estratexia municipal vinculada ao Partido Socialista, posto que a día de hoxe é a opción que aproban respecto ao xeriátrico? ¿Está influíndo o pasado socialista do seu portavoz, o señor Sixto, ou ben estanse radicalizando cara a En Marea ou a Podemos, intentando bloquear todo o que presenta o Partido Popular?
Con esta actitude Foz Plataforma de Futuro mostra unha auténtica debilidade política, vese que o seu futuro é pouco certo, que bandea segundo lle veñen unhas circunstancias ou outras, o que nos chama bastante a atención.
Foz Plataforma de Futuro cada vez se parece máis a Unifoz, non simplemente polo seu tipo de política vinculada á escisión dun partido político inicialmente senón tamén porque ten curto percorrido e pouco futuro.
Vincularse á política social da Deputación non ten sentido posto que nin o candidato do Partido Socialista a Alcaldía de Foz, o señor Cancio, nin o candidato do Partido Socialista de Becerreá son capaces de apoiar a política social de xeriátricos da Deputación. Por iso estráñanos que Foz Plataforma de Futuro apoie precisamente agora, nestes últimos sete días, esa vinculación.
Javier Jorge Castiñeira (alcalde de Foz)