“É unha gran satisfacción acabar coa discriminación que sufrían os traballadores dos parques de bombeiros de Lugo e poder dar cumprimento, por fin, a unha vella demanda destes traballadores, era de xustiza que os bombeiros de Lugo cobraran o mesmo que os seus compañeiros, por iso estou moi contento de sacar adiante esta iniciativa, máis aínda nun momento no que a Deputación asume definitivamente a presidencia do Consorcio, que deixará de ser rotatoria”, manifestou Darío Campos.
O aumento salarial dos traballadores producirase logo do acordo que tomou hoxe o Consorcio provincial de Bombeiros, nun Pleno no que se aprobou a modificación dos contratos coas empresas concesionarias do servizo de intervención en emerxencias que abrangue os 6 parques de bombeiros da provincia, situados en Viveiro, Vilalba, Barreiros, Chantada, Sarria e Monforte de Lemos. Para levar a cabo o incremento salarial do persoal dos parques de bombeiros foi necesario modificar os prezos dos contratos coas dúas empresas concesionarias nas cláusulas referidas ao presuposto do contrato e á masa retributiva salarial do persoal.
Para poñer fin á discriminación salarial dos traballadores dos parques de bombeiros de Lugo, incrementarase o prezo dos dous contratos este ano en 659.000 euros, que achegarán ao 50% a Deputación provincial e a Xunta de Galicia, que son as dúas institucións integrantes do Consorcio.
A Deputación asume a Presidencia do Consorcio
O Pleno tamén aprobou o nomeamento Darío Campos como Presidente do Consorcio. Este acordo é consecuencia da modificación dos Estatutos da entidade. Ata agora a presidencia do Consorcio era rotatoria, cada dous anos facíase cargo dela a Deputación ou a Xunta e Galicia. Trala modificación dos Estatutos, a Presidencia deixa de ser rotatoria e pasa a ser desempeñada por Campos Conde, mentres que a Xunta de Galicia ocupa a Vicepresidencia do Consorcio.