Burela 26-5-18. Segue a emoción na zona alta da táboa. O Pescados Rubén Burela FS pecha os desprazamentos ligueiros da tempada con vitoria en Guadalcacín (3-6) e colócase a tan só 1 punto do liderado compartido por Atlético Navalcarnero, que empatou fronte a Móstoles (1-1), Universidad de Alicante, con 3-3 ante Poio Pescamar, e Jimbee Roldán, co triunfo en Majadahonda (2-7). Vista Alegre acollerá a xornada definitiva o vindeiro sábado, 2 de xuño, ás 18.00 (horario unificado), en plenas Festas Patronais, coa visita de AD Alcorcón FSF (5º clasificado, 58 puntos).
Tal e como esperaba, o conxunto de Julio Delgado e Lucas atopou en terras gaditanas un rival moi motivado, con ganas de despedir a liga ao grande ante a súa afección, logo de selar a permanencia en Primeira. A pesar do empeño das locais, as burelistas foron as primeiras en perforar a rede, xa no minuto 4, con Sara Correia, aínda que Trini volveu equilibrar a contenda rapidamente. Julia Forsiuk, no 8, volveu dar a iniciativa no marcador ás mariñás, para chegar con renda de 1-2 ao descanso.
Máis dominio e perigo xeraron as filas laranxas no segundo acto. Aínda que o Guadalcacín recuperou as táboas no 27, de novo con Trini, o Pescados Rubén non estaba disposto a ceder nadiña de nada. No 35, Jenny, por partida dobre, ampliou a fenda con 2-4, en tan só 17 segundos, grazas ao xogo de cinco, recurso do Burela FS en varios momentos da cita. Flavia volveu darlles alas ás andaluzas, ante a súa xente, no 37, pero aínda quedaba moito perigo por parte das galegas. Sara, no 39, anotou o 3-5, e a falta de 30 segundos para a bucina final, e tras a dobre amarela para a local Lorena, Cami selou o definitivo 3-6.
Ficha técnica
Guadalcacín FSF: Caridad, Desi, Trini, Ogalla, Lorena, cinco inicial; tamén xogaron Pepa, Flavia, Luci, Carla, Julia
Pescados Ruben Burela FS: Ana Romero, Cilene, Lara, Bea Mateos, Julia Forsiuk, cinco inicial; tamén xogaron Judith, Cami, Jenny, Sara
Goles: 0-1, minuto 4, Sara Correia; 1-1, minuto 5, Trini; 1-2, minuto 8, Julia Forsiuk; 2-2, minuto 27, Trini; 2-3, minuto 35, Jenny; 2-4, minuto 35, Jenny; 3-4, minuto 37, Flavia; 3-5, minuto 39, Sara Correia; 3-6, minuto 40, Cami
Árbitros: Del Valle Pérez // Quintana Vela. Por Gualdalcacín dobre amarela a Lorena, a falta de minuto e medio para o final. Por Burela amarela para Bea Mateos (minuto 20) e Jenny (minuto 33)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 29 de Primeira División disputado no