Viveiro 21-5-18. O Concello de Viveiro únese un ano máis á campaña “Quere o teu mercado”, promovida pola Xunta de Galicia, co propósito de promover os mercados locais e as prazas de abasto, incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e mais a profesionalidade e o bo facer dos nosos praceiros e praceiras.
Con motivo da celebración do “Día Internacional dos Mercados”, o vindeiro 26 de maio, o concello organizou diversas actividades que terán lugar na Praza de Abastos dirixidas tanto ao público adulto como aos máis pequenos. No programa organizado para esta xornada figuran os seguintes eventos:
– Cocteleiría, con Domingo González e Marcelo Continanza, de Temple Bar.
– Showcooking, con Victor Valenzuela, do Restaurante O Muro, e Alejandro Balseiro, do Hotel Urban Viveiro.
– Actuación do grupo Pindusa de Bágoas da Terra.
– Actuación do grupo Sons de Viveiro.
Para o público infantil haberá un obradoiro de dieta mediterránea, unha xincana no mercado e a elaboración dun polbo de globoflexia.
Dende o concello quérese agradecer a colaboración de Bágoas da Terra, Hotel Urban Viveiro, Restaurante O Muro e Temple Bar e animar aos veciños a achegarse á Praza de Abastos para disfrutar desta xornada.