En concreto, a Cruz Vermella Española colaborará en actos ou eventos deportivos, sociais, culturais, espectáculos e concertos con concorrencia de público para a dotación do servizo de ambulancias. O Concello de Mondoñedo compensará á Cruz Vermella Española coa cantidade de 4.000 euros. O contrato ten vixencia anual desde a súa sinatura e poderá renovarse automaticamente salvo indicación expresa das partes.
O importe correspóndese coa compensación de gastos ocasionados nun máximo de 50 horas anuais de servizos ordinarios e 25 horas anuais de apoio médico nos preventivos solicitados. No caso de non alcanzar esas horas ou superalas, a compensación de gastos diminuirá ou aumentará na mesma proporción.
Signo de dinamismo
Elena Candia destaca a importancia de contar con este servizo dado o elevado número de eventos que o Concello está a organizar e desenvolver na cidade. Asegura que se aposta pola súa continuidade e incluso polo incremento de eventos, “posto que son un signo de dinamismo e reverten positivamente na economía local”.
A Cruz Vermella comprométese a achegar persoal cualificado para o desenvolvemento do programa e servizos conveniados, así como vehículos e ambulancias solicitados para a realización do servizo. Tamén prestará asesoramento técnico ao Concello nas materias do contrato e outras que poidan xurdir.
Comisión avaliadora do contrato
Crearase unha comisión encargada de seguir e avaliar as actividades recollidas no contrato asinado hoxe, que estará formada por o concelleiro de Servizos e o presidente de Cruz Vermella Española en Lugo, ou a persoa na que este delegue.
O Goberno local manifesta o seu compromiso de promover o desenvolvemento social das persoas residentes en Mondoñedo, polo que pon en valor o contrato asinado hoxe con Cruz Vermella Española.