Foz, 23 de maio de 2018. A Delegación de Cultura do Concello de Foz programa para os vindeiros días actividades de música e teatro.
Mañá, xoves, a compañía Ubú Teatro interpretará a obra Leonardo e os fontaneiros, de María Victoria Moreno, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. A actuación terá lugar na Sala Bahía ás 11:00 horas con entrada gratuíta e está dirixida a alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria.
Este venres, 25 de maio, dentro das actividades do Festival de Voces Xóvenes actuará o grupo vocal Entrelas de A Coruña. Terá lugar na igrexa parroquial de Foz ás 20:30 horas. A entrada é gratuíta.
E o sábado 2 de xuño na escola de música focense haberá unha masterclass impartida por Pablo Castaño, saxofonista, arranxista e compositor que exerce a docencia no Conservatorio de Grado Medio de Ribeira e na Escola Estudio. Nesta masterclass abordaranse temas como a interpretación, a improvisación e conceptos musicais xerais, dirixido a todos os instrumentos. As persoas interesadas poden obter máis información na Escola de Música Municipal Arcadio Mon, de Foz. O prezo é de 25 euros para alumnos da escola focense e de 35 euros para alumnos doutros centros.
Ademais a sala de exposicións do Cenima acolle ata o día 6 de xuño a exposición de debuxo a cores de Juan A. Mariño Domenech e a mostra de traxes e bonecos con vestimenta tradicional realizada por Pilar Arias, coa que se conmemora o 40 aniversario da asociación cultural O Feitizo. O horario da sala é de 10:00 a 14:00 horas de luns a venres.