Cervo, 23 de Maio de 2018.- O Concello de Cervo estrea un reloxo de cerámica de Sargadelos na súa fachada.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Obras, Plácido Pérez, estiveron supervisando os traballos de instalación que está previsto que rematen nesta mesma semana.
O novo reloxo substitúe ao vello que levaba moito tempo sen funcionar.
O elemento está composto por 45 pezas cerámicas, ten unha dimensión de 1,5 por 1,5 metros e dispón dunha maquinaria electrónica de alta precisión, con antena de sincronización que lle permite, por exemplo, recuperar a hora se se produce algún corte de enerxía.
Tal e como explicou o rexedor “coa instalación desta nova peza damos un paso máis na nosa idea de homoxeneizar e harmonizar todo o noso Concello; porque esta nova actuación vén sumarse á instalación de máis de 175 placas cos nomes das rúas de Cervo, San Ciprián, Río Cobo ou Lieiro, que promovimos uns anos atrás, froito dun proxecto de colaboración coa Fábrica de Cerámica de Sargadelos, baixo a premisa de que esta louza e este nome formen parte da nosa identidade”.
Cada placa está composta por catro azulexos en tinta de azul cobalto; e contén o nome da rúa e o escudo do Concello.
Villares recordou que dentro dese mesmo proxecto tamén fora instalado un novo escudo na fachada do Concello; que substituíu ao vello, moi deteriorado; e que está composto por 55 placas de azulexo, cunha dimensión total de 154×110 centímetros.