En total foron tres as iniciativas propostas para formar parte do novo Centro de Artesanía e Emprendemento do Concello de Cervo.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Emprego, Manuela Méndez, xa tiveron unha primeira toma de contacto cos mozos e mozas que albergarán as instalacións e que comezarán a desenvolver a súa actividade neste verán.
En concreto no novo Centro haberá, inicialmente, un centro ecuestre e de terapia e un negocio da rama da artesanía, que se unen á empresa de alimentación á que xa se lle foi adxudicado un local hai 6 meses.
O centro ecuestre levará por nome Cabaliño de Pao, Espazo Natural. Unha idea concibida por uns rapaces amantes dos cabalos e con formación terapéutica, que pretenden realizar actividades de lecer con cabalos para toda clase de público e facilitar o goce de momentos de lecer e esparexamento ao colectivo de persoas afectadas por algún tipo de diversidade funcional, así como ás familias e persoas da súa contorna próxima mediante a realización de distintas disciplinas de Equinoterapia; ao tempo que contribuirán á promoción da contorna do complexo, mediante rutas cabalares e outras actividades ao aire libre. Para elo farán uso do espazo exterior anexo ao Edificio das Cabalerizas, con cuberta, e de 100 m2; e dun dos locais interiores.
O negocio de artesanía leva como nome ArtesaNuRa e teñen como obxectivo entrar no mercado artesanal e amosarlle á xente o seu grao de creatividade. Para iso traballan com materias primas de primeira calidade e realizarán cursos e obradoiros que promocionen a súa actividade.
O rexedor apuntou que a día de hoxe quedan desertos 3 locais aos que pode optar calquera persoa que desexe desenvolver a súa actividade nesta contorna facendo fronte a un aluguer duns 20 euros ao mes “sempre que dean cumprimento a uns requisitos que son moi accesibles”.
Recordou, así mesmo, que os espazos poderán ser destinados a calquera actividade comercial relacionada co sector artesanal que segue a ter prioridade; pero tamén cos produtos ecolóxicos, co sector turístico, coa hostalaría, co sector educativo, terapéutico ou con calquera outra actividade relativa ao sector terciario.
Villares sinalou que é un momento importante para Cervo, porque o Centro de Emprendemento e Artesanía vai comezar a ter vida xa este verán da man destes mozos e mozas con iniciativa e ideas frescas e novidosas aos que lles desexamos moitísima sorte nesta andaina; sabedores de que a súa actividade dará, sen dúbida, un enorme valor engadido a toda esta zona”.