Site icon Crónica3.com A Mariña

Nove centros educativos lucenses, catro deles da Mariña, participarán no V Campionato galego de FP, Galiciaskills 2018

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2018.- Un total de 9 centros educativos da provincia de Lugo participarán no V Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2018, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. No campionato, que se celebrará o vindeiro mes de novembro no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca (Silleda) tomarán parte, pola provincia, 27 alumnas e alumnos. A competición busca darlle unha maior proxección e difusión á FP que se imparte na nosa Comunidade Autónoma, e que en anos anteriores ten colleitado amplos éxitos na edición a nivel nacional, SpainSkills.

En concreto, os centros participantes pola provincia de Lugo serán o IES Sanxillao (Lugo), CIFP Politécnico de Lugo (Lugo), CIFP As Mercedes (Lugo), IES María Sarmiento (Viveiro), CIFP Porta da Auga (Ribadeo), IES A Pinguela (Monforte de Lemos), IES Muralla Romana (Lugo), IES de Foz (Foz), IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo).

O campionato, de carácter eminentemente práctico, consistirá no desenvolvemento de 25 competicións relacionadas coas especialidades (skills) de formación profesional, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas. En concreto as especialidades convocadas son as de Pintura do automóbil, Tecnoloxía do automóbil, Ebanistaría, Carpintaría, Mecatrónica, Enxeñaría de deseño mecánico-CAD, Mecanizado, Electrónica, Administración de sistemas en rede, Solucións de software para empresas, Control industrial, Instalacións eléctricas, Soldadura, Panadaría, Servizo de restaurante e bar, Cociña, Fontanería e calefacción, Refrixeración e aire acondicionado, Peiteado, Floraría, Coidados auxiliares de enfermaría, Tecnoloxía da moda, Pintura e decoración, Xardinaría paisaxística e Recepción hoteleira. Ademais, haberá unha demostración de Animación 3D e xogos.

Haberá dous premios por competición. A persoa gañadora do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, SpainSkills 2019, que se celebrará en Madrid. Este alumnado, xunto cos xefes e as xefas de equipo, conformarán o equipo galego que representará a nosa comunidade autónoma en SpainSkills 2019. Ademais, todos recibirán un diploma acreditativo de ter participado neste campionato. O profesorado recibirá a correspondente certificación de participación na actividade de innovación educativa GaliciaSkills 2018, cunha equivalencia de 15 horas de formación permanente do profesorado.

Exit mobile version