Ribadeo, 22 de maio de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, amósase decepcionado polo número de socorristas que lle sufragará a Xunta durante o verán. Serán 7 profesionais os que traballarán durante dous meses nos areais ribadenses. O rexedor anuncia que as praias contarán polo menos con 23 profesionais, entre socorristas e técnicos sanitarios, ao igual que aconteceu o ano pasado, para prestar o mellor servizo á veciñanza e aos milleiros de turistas que todos os anos pasan por Ribadeo, e polas Catedrais.
Suárez Barcia manifestou que “con esta resposta á nosa petición de socorristas para este ano, o certo é que desde o goberno municipal estamos decepcionados, tristemente decepcionados, polo número de socorristas que nos dan. Dannos 7, que son os mesmos que nos deron o ano anterior que ao mesmo tempo é un menos que no ano 2016. Cada vez ven máis xente a Ribadeo e cada vez nos dan menos socorristas e menos tempo porque nos dan 7 profesionais para dous meses”.
O alcalde lembrou que “o ano pasado tivemos en total 23, entre socorristas e técnicos sanitarios, por tres meses de duración, pagando a enorme diferenza con fondos municipais. É importante moitas veces ter estes resultados positivos presupostarios, ter estes remanentes de tesourería, para facer fronte a estas inxustizas que moitas veces se producen, como é o caso”.
O rexedor dixo que “vendo cousas como esta, parece que é igual apelar a facer as cousas concertadas e con espírito de colaboración entre as diferentes administracións que non facelas, porque o resultado é o mesmo. E mais despois do que pasou esta semana santa desgraciadamente aquí na praia das Catedrais, eu persoalmente, verbalmente e por escrito, pedinlles que tivéramos un reforzo para esta tempada estival, e tiven a resposta verbal favorable de que sen dúbida ía ser así. Pois xa se ve que é o que está escrito e que é o que che din verbalmente”.
O rexedor ribadense declara que “saiban os veciños e as veciñas deste concello, e todos aqueles centos de miles de persoas que veñen na época estival a Ribadeo, que desde o Concello, se non é coa Xunta será con fondos propios, teremos toda a batería de profesionais e de técnicos, ou polo menos estaremos en disposición de telos, cuns salarios dignos e xustos, e por un tempo razoable. Polo tanto imos ter cando menos as 23 prazas de profesionais, entre socorristas e técnicos sanitarios, para todos os areais que estivemos mantendo os técnicos nestes últimos anos, singularmente o areal das Catedrais que é o que máis recursos nos leva, máis da metade de todos os recursos que temos para todo Ribadeo. Hai que ter en conta que temos socorristas nos Bloques, nas Illas, nos Castros, etc…, e que incluso hai praias que non teñen atención de socorrismo”.
Fernando Suárez subliña que “saiba a Xunta de Galicia que estamos decepcionados polo que nos dixeron verbalmente e que non cumpriron, e é o que xa está sendo unha tónica con Ribadeo”.