Galicia é un país co 5,5% do PIB e o 5,1 da poboación do Estado. Ou sexa, que temos intereses como País, ben distintos aos dos outros territorios do Estado. Podemos pode ser un aliado táctico do galeguismo, nunca o núcleo dun grupo parlamentario no que se integre a representación galega. En Marea non foi quén de visibilizar Galicia e os seus intereses no Congreso estatal. Cómpre outra fórmula para as vindeiras eleccións estatais que posibilite o protagonismo do noso País e das nosas maiorías sociais. Deses intereses tan definidos e distintos dos que imperan non só nas elites, senón nas maiorías sociais doutros países do Estado.
Até hai moi poucos días semellaba que a lexislatura remataría na primavera do 2020. Mais a moción de censura do PSOE, fracase ou gañe,enfróntanos a unha lexislatura con remate na fin de 2018 ou no primeiro semestre do 2019. Cómpre amañar o erro de 2015-2016 e garantir un Grupo Galego.
Diante da actual enxurrada de supremacismo españolista e de recentralización empresarial, social e política cómpre unha coalición nacional, á corsa, interclasista e transversal, de toda caste de forzas políticas e sociais galegas que teñan o País como centro de decisión e cerne da súa cosmovisión. Que integre BNG, En Marea, Compromiso por Galicia, candidaturas municipalistas e outras forzas de soberanía galega ou municipal para defender, afirmar e proxectar no Estado e na Unión Europea a nosa identidade nacional,lingüística e cultural e os nosos intereses económicos e sociais, ao tempo que xogue a prol dunha reforma constitucional do Estado que garanta o meirande autogoberno de Galicia como mellor instrumento para garantir a calidade de vida e o bnestar da cidadanía galega.
O intelectual e filólogo angloirlandés Craig Patterson é un claro exemplo dos europeos que escollen Galicia e a súa lingua como patria de adopción. Estoutro día, falando dun tema moi semellante, dicíame que ou trunfaba o egoísmo ou trunfaba o País. Ten razón.
É tan dificíl arrumbar os sectarismos, eses “eu con fulano non vou”, os intereses miúdos dos partidos e persoeiros políticos para construir unha coalición nacional gañadora?